Texto: María Berini Pita da Veiga
Fotografías: editoriais
–
Hai dous anos colguei nesta páxina web unha entrada (click aquí para abrila), titulada «Mis 5 libros imprescindibles de la cultura gallega», coa intención de acercarlle a literatura da nosa terra a todos aqueles que aínda non se animaran a afondar nela. Mais xa no momento da súa publicación reparei no insuficiente do enfoque tomado. Por iso, hoxe transformo aquel artigo único nunha serie, divida en partes, pola necesidade imperiosa de engadir máis títulos.
–

–
–
Naquela primeira parte, tentando crear un friso que tocase tódolos polos do termo «cultura», recomendaba as seguintes obras:
«Antoloxía da poesía galaico-portugesa», de VVAA (editorial Xerais): marabillosa escolma do mellor da lírica medieval, naqueles tempos nos que o galego e o portugués foron un mesmo idioma, culto, poético e transcendente. «A esmorga», de Eduardo Blanco Amor (editorial Galaxia): por contraste, a modernización da prosa en lingua galega, convertida case en clásico, con ampla repercusión e recoñecemento dentro e fóra das nosas fronteiras. A triloxía «Escola de menciñeiros», «Xente de aquí e de acolá» e «Os outros feirantes», de Álvaro Cunqueiro (editorial Galaxia): pequenos relatos do mago mindoniense, nos que condesa o pensar e o sentir das xentes da nosa terra, serie que nun futuro serán testemuña de tempos pasados. «Guía de Galicia», de Ramón Otero Pedrayo (fóra de catálogo): un dos primeiros grandes estudos sobre a xeografía e o patrimonio histórico-artístico da nosa terra e, por iso, verdadeiramente imprescindible, aínda que fora publicada en lingua castelá. «Las leyendas tradicionales gallegas», de Leandro Carré Alvarellos (editorial Austral): completísimo traballo, tamén en español, sobre a tradición oral da Galicia, recollendo as lendas máis importantes dun pobo onde a fantasía e a superstición forman parte da súa identidade.
–

–
Abordamos agora a segunda parte desta recompilación, con outros cinco títulos imprescindibles:
–
–

6. «POESÍA COMPLETA» de Rosalía de Castro (en diferentes editoriais)
Moitos censurarían as miñas reportaxes por non teren incluída a poesía de Rosalía nos primeiros postos. Sei que ningún outro autor/a da nosa cultura é tan universal e recoñecido como a autora iriense, mais, como explicaba máis arriba, eu pretendía bosquexar a singularidade da nosa cultura con variedade de trazos. Perdoada esta licencia, agora si, debo falar de Rosalía. Non sería quen de escoller un título dentro da súa produción literaria –prosa e lírica, tanto en galego como en español–, polo que a miña recomendación para abordar o mellor da autora sería facerse cunha edición que recolla a totalidade da súa produción poética. En tendas de segunda man pode atoparse a vella publicación da editorial Austral, aínda que tamén é posible facerse con escolmas actuais baixo outros selos, e mesmo edicións ilustradas, adaptadas ao público infantil e musicalizadas.
–
–

7. «O PORCO DE PÉ» de Vicente Risco (editorial Galaxia)
Vicente Risco é unha das figuras senlleiras do galeguismo, xa non só pola súa participación como director na Revista Nós –tan importante na historia da cultura galega–, senón tamén polas súas achegas á etnografía, logo dunha vida adicada ao estudo da Galicia, desde múltiples perspectivas, grazas ao seu altísimo nivel intelectual. Pero Risco foi tamén un bo creador, e para mostra un clásico da nosa literatura: a novela breve «O porco de pé». Culta, profunda, moi crítica, consciente dos tempos que ían vir, sensible coa beleza e a verdade. Nada mellor se pode dicir dunha obra, non si?
–
–

8. «COUSAS» de Afonso R. Castelao (editorial Galaxia)
Ben polémica neste tempos é tamén a miña opinión sobre Castelao, figura do galeguismo convertida case nun mito. Considerándoo un gran artista multidisciplinar –por ter sido debuxante, escritor e deseñador con verdadeiro tino–, por esa mesma razón teño o costume de separalo dos seus compañeiros da Xeración Nós, Otero Pedrayo e Risco, escritores e intelectuais nun sentido máis fondo, estrito ou académico, por así dicilo. Con todo, non deben importar estas discusións puristas, pois «Cousas» é unha das obras máis singulares da cultura galega, por mesturar ilustración, literatura e crítica social nun mesmo título. Reflectindo as glorias e miserias do noso pobo, as historias recollidas en «Cousas» son un espello no que mirarmos, mais non para caer na pena e na condescendencia, senón para continuar loitando cara un futuro mellor. En outubro do ano 2021, a editorial Libros del Asteroide publicou unha edición en lingua castelá, o que ven a demostrar a importancia deste obra.
–
–

9. «AS PEREGRINACIÓNS XACOBEAS» de Francisco Fernández del Riego (editorial Galaxia)
Seguindo a liña do primeiro capítulo desta serie, penso que é fundamental incorporar variedade de ensaios e traballos divulgativos para definir a nosa cultura. Queda máis que xustificado se, aínda por riba, imos falar do feito xacobeo, pois a historia da Galicia nunca poderá entenderse sen telo en conta. O descubrimento do sartego do Apóstolo Santiago «O Maior» na Idade Media colocou á cidade de Compostela nos anais da historia universal. Ata a nosa terra chegaron influxos de todo tipo –artísticos, teolóxicos, económicos– que, aínda hoxe, seguen a marcar o curso da nosa historia. Francisco Fernández del Riego, editor e ensaísta, futuro homenaxeado no Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2023, soubo como ninguén divulgar a nosa cultura, é dicir, transmitila ao gran público sen renunciar ao rigor académico. En «As peregrinacións xacobeas» analiza o feito xacobeo tocando todos os polos necesarios para comprendelo na súa totalidade. Razón de peso para consideralo un imprescindible.
–
–

10. «DE CATRO A CATRO» de Manoel Antonio (editorial Galaxia)
Non só Blanco Amor coa súa novela «A Esmorga» puxo o nota modernizadora e transgresora na historia da nosa cultural. Se un autor camiña da man do termo «vangardas», ese é Manoel Antonio. O poeta rianxeiro, malia a súa morte prematura, legounos unha obra poética composta por algo máis de cen pezas, nas que destaca «De catro a catro» (1928), a obra cume. Encaixada dentro da corrente creacionista, este poemario racha coas creacións líricas publicadas ata o momento na Galicia, no que o mar eríxese como protagonista coa gran novidade de incorporar un léxico culto e de temática específica.
–
–

–
–
O tempo dirá se esta serie continúa cunha terceira parte… Polo momento, adxunto enlaces a outras reportaxes que comparten temática literaria e galega:
- Visita á Casa-museo de Álvaro Cunqueiro (click)
- Visita á Casa-museo de Otero Pedrayo (click)
- Visita á Fundación Vicente Risco (click)
- Roteiro literario de A Esmorga (click)
- Álvaro Cunqueiro y «El pasajero en Galicia» (click)
- Eu dígoche: Galicia é un mundo (click)
- Los 10 episodios más importantes de la historia de Galicia: parte 1 (click) y parte II (click)
- Monforte y el Conde de Lemos (click)