Visita á Casa-museo de Otero Pedrayo en Trasalba (Ourense): un breve percorrido pola súa vida e obra

Texto: María Berini Pita da Veiga

Fotografías da visita á casa: María Berini Pita da Veiga

Resto de fotografías: arquivos institucionais

«Figura que tódolos pazos destas terras foron creados á mesma idea; todos eles miran para a posta do sol. (…)»

OTERO PEDRAYO. «Os camiños da vida» (1928)

Penso que a estas alturas ningún galego ignora a importancia dunha figura como a de don Ramón Otero Pedrayo. O intelectual ourensán recibe o alcume de «O patriarca das Letras», precisamente por ser orixe e máxima autoridade da cultura galega no século XX. Xeógrafo, docente, literato, político… Moitas son as facetas ás que don Ramón aportou as súas grandes capacidades e o seu vasto coñecemento, deixándonos a todos os galegos un legado de incalculable prezo, o cal, nesta modesta reportaxe, pretendo poñer en valor.

Xa o teño escrito nesta páxina en outras ocasión: Otero Pedrayo, Risco e Cunqueiro ocupan un posto salientable no meu listado de autores favoritos. Mais a admiración que lles profeso vai máis alá do literario, posto que a afinidade co seu pensamento, sempre ligado ao coñecemento do patrimonio máis próximo e en defensa da estrita tradición, é máxima. Ademais, sorpréndeme o seu compromiso con dita causa, compromiso que os levou a seren homes de acción, involucrados en todo tipo de iniciativas –revistas, seminarios, viaxes, etc.– a prol da nosa cultura.

«Cara as xentes», 2014

Autoridade e exemplo son para mi os tres, e por iso esta entrada completa un ciclo de homenaxes que teñen por leit motiv unha visita ás respectivas casa-museo. Seguindo estes enlaces podedes acceder á reportaxe adicada a Vicente Risco (click) e a Álvaro Cunqueiro (click), logo de sendas viaxes a Allariz e Mondoñedo. Hoxe tócalle a don Ramón Otero Pedrayo, nun escenario inigualable: a casa familiar de Trasalba (Amoeiro, Ourense), sede da fundación que leva o seu nome, ás veces coñecida como Pazo de Trasalba, aínda que a correcta denominación da propiedade é Casa Grande Cima de Vila.

Vista xeral da Casa grande de Cimadevila

Antes de viaxar virtualmente ata Trasalba, cómpre facer un repaso pola vida e obra de don Ramón. Otero Pedrayo naceu en Ourense, na céntrica rúa da Paz –curiosamente no mesmo edificio que o seu amigo e compañeiro, Vicente Risco– no ano 1888. A idiosincrasia da súa familia –pai médico liberal, mais familia de orixe fidalga– marcou a súa particular visión do mundo e, en especial, de Galicia; visión artellada ao redor de dous fundamentos: tradición e relixión.

Na capital ourensá cursará estudos no Centro Provincial de Instrución do Posío, hoxe entrego instituto que leva o seu nome –IES Otero Pedrayo–. Realizado o curso preparatorio para o acceso á universidade, realiza o exame de ingreso no ano 1905. Na Universidade de Santiago de Compostela comezará a carreira de Filosofía e Letras, mais, pronto decepcionado, marchará a Madrid, onde estudará por libre as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras, mentres se enchoupa da vida literaria dos cafés da capital, nos tempos do modernismo.

Nos anos universitarios, retratado por José Pacheco (1905)

Cos estudos finalizados Otero Pedrayo regresa a Ourense no ano 1911, producíndose o reencontro con dous vellos amigos aos que permanecerá vinculado toda a súa vida: Vicente Risco e Florentino L. Cuevillas. Con eles abre un periplo cultural sen marcha atrás, que comeza coas reunións no Ateneo ourensán –pulo cultural da cidade a comezos de século– e os primeiros conatos literarios en revistas. Daquela eran, como ben retratou Risco no artigo «Nós, os inadaptados», individualistas e inconformistas á procura dun ideal que dese sentido a súa existencia. Toda vez que achan ese pulo na realidade galega, deixarán de xirar «arredor de si» na procura de si mesmos –parafraseando a explicación de Casares–. Compaxinará a actividade cultural coa preparación das oposicións á cátedra de Xeografía e Historia de Instituto. No ano 1919 aprobará os exames, obtendo destino en Burgos e Santander, onde coñecerá a Josefina Bustamante, Fita, a súa futura dona.

Otero profesor, no curso 1926/27

De regreso a Ourense, e co ingreso nas nacentes Irmandades da Fala, don Ramón consuma o compromiso co galeguismo. Comezará entón, de xeito paralelo, unha forte actividade xornalística e literaria. Igualmente, participará na creación do Seminario de Estudos Galegos, importante institución para o estudo científico da realidade galega. Na década dos anos 30, coincidindo co esmorecemento da monarquía de Alfonso XIII, Otero Pedrayo da o salto a política activa, coa participación nun novo partido de corte galeguista: o Partido Nazonalista Republicán de Ourense (PNRO). Nos primeiros tempos da II República, don Ramón será un deputado electo que gozará de gran prestixio. Continuará, maila as diferenzas ideolóxicas coas posturas esquerdistas, coa militancia no Partido Galeguista –resultado de reunificación de todos os partidos de corte nacionalista–. A diferenza de outros políticos e intelectuais como Risco, Otero, logo de manifestar abertamente as súas diverxencias como católico e conservador, acata as directrices do partido cando este se aliña co Frente Popular.

Elección de Ramón Otero Pedrayo como novo presidente do Seminario de Estudos Galegos (1936)

Ao fin da Guerra Civil, Otero Pedrayo mantén a súa residencia en España, entre Ourense e Trasalba, aínda que o novo réxime destitúeo do seu posto docente. Máis axiña retoma o seu labor literario, en publicacións ben afíns o réxime, ben consentidas polo mesmo, e sempre en lingua castelá. Será a finais do ano 1948 cando don Ramón recupere o seu posto como profesor de instituto, volvendo pouco a pouco a escribir en lingua galega. Participará na fundación da Editorial Galaxia a comezos dos 50 e viaxará en varias ocasións a sudamérica, onde se reencontrará con vellos amigos e será recibido como unha verdadeira autoridade nas distintas asociacións galegas do novo continente.

Ao carón de Castelao durante a súa visita a Bos Aires en 1947

Conta Otero con 62 anos cando oposita á cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago. As aulas que impartirá neses anos, ao mais puro estilo oteriano –mestura de descricións xeográficas e evocacións culturais–, énchenlle de ledicia na súa madurez, ata a derradeira xubilación. Nos anos 60, Otero Pedrayo recollerá os froitos de toda unha vida adicada a Galicia, recibindo multitude de homenaxes e recoñecementos. Pouco a pouco verá morrer as seus amigos máis íntimos, compañeiros no soño galeguista, como Vicente Risco e Florentino L. Cuevillas. Nos últimos anos da súa vida vese invadido por un profundo rexeitamento ao mundo moderno, e dise sentir «unha pantasma do século XIX». Don Ramón falece o 10 de abril de 1976, sendo enterrado, por propia vontade, dun xeito que define á perfección o seu sentir: co hábito carmelita e cuberto coa bandeira galega. Multitude de amigos e persoeiros chegados de tódolos puntos de Galicia déronlle o último adeus o «Patriarca das Letras» no cemiterio de Ourense.

Cortexo fúnebre polas ruas de Ourense

Resúltame moi difícil falar da obra de don Ramón, pola extensa variedade de xéneros que presenta e, por riba de todo, por esa dualidade entre o Otero Pedrayo ensaísta e o literario. As achegas do escritor ourensán ao ensaio de temática galega son fundamentais. Penso que en ningunha biblioteca doméstica da nosa terra debería faltar a enorme «Guía de Galicia», o «Ensaio histórica da cultura galega» ou mesmo «Historia de Galiza», todas elas resultado dun gran exercicio de síntese baseado nun coñecemento minucioso dos temas tratados. Foi –e é– don Ramón un gran divulgador, precisamente grazas aos vastos estudos de temas xeográficos, históricos e etnográficos que realizou durante toda a súa vida. Doutra banda, resulta imprescindible escribir unhas liñas sobre o Otero Pedrayo creador, ben sexa poeta, narrador ou dramaturgo. No xénero poético e no teatro legounos variedade de pezas, recollidas hoxe en diferentes coleccións, publicadas case sempre na Editorial Galaxia (click), das que espero ter coñecemento e opinión nun futuro. Porque do que si podo escribir, chea de entusiasmo e admiración, é da súa faceta como narrador. As novelas máis coñecidas de don Ramón son «Arredor de si» –retrato espiritual da Xeración Nós– e «Os camiños da vida» –esta última, desde o meu punto de vista, verdadeira obra prima do Patriarca, retrato profundo da Galicia decimonónica–. Otero Pedrayo tamén probou sorte co conto –«Contos de Santos e de Nadal», «Entre a vendimia e a castañeira»–, cos libros de viaxes –«Pelerinaxes»–, cos guións cinematográficos –«O camiño de Santiago»– e mesmo coa novela histórica –«A romaría de Xelmírez»–. Son consciente de que deixo sen nomear outras moitas obras, pero é que o legado do escritor ourensán supera o marco dunha reportaxe como esta. Por sorte, sempre queda Otero por descubrir, por investigar, por divulgar!

Conferencia en Ourense en 1960

«O Pazo franqueaba ó camiño un grande portal coa data da feitura na lumieira (…). Grande curro cinguido de cortes e cortellos ca solaina da casa ao fondo (…)»

OTERO PEDRAYO. «Os camiños da vida» (1928)

Que mellor lugar para evocar a figura de don Ramón que a súa casa familiar na parroquia de Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro, a escasos quilómetros da capital. A Casa Grande de Cimadevila, nome correcto da propiedade, foi residencia habitual do escritor en vida, legada a súa morte –sen descendencia– para fins culturais. En Trasalba Otero Pedrayo estudaba, escribía, recibía visitas e, en definitiva, desenvolvía unha parte importante do seu labor. Mais, a Casa Grande de Cimadevila ten un significado especial, posto que é o espazo xeográfico que, no eido das ideas, supón a aproximación de Otero o mundo rural galego, salvagarda da tradición e da nosa cultura. Lingua, paisaxe e sociedade, a plena esencia de Galicia, coñece o Patriarca desde este pequeno anaco da terra. Visitala en xaneiro desde ano 2022 foi un dos momentos máis emocionantes da miña etapa laboral en Ourense, na que lembreime, chea de agradecemento, de tantas viaxes realizadas polo meu pai na procura do patrimonio galego, a xénese deste proxecto de divulgación mariaberini.es Daquela non puiden tomar fotografías, máis agora, con tódolos materiais sobre a mesa, por fin podo ofrecerlle aos lectores esta reportaxe. A residencia de Trasalba é hoxe sede da Fundación Otero Pedrayo, institución que desenvolve unha importante labor no estudo e na divulgación do pensamento e obra oteriana (click para visitar a súa páxina web)

Na galería da casa de Trasalba ao carón da súa nai (1945)
Vista xeral da casa de Trasalba na actualidade

O acceso á Casa Grande de Cimadevila faise por un rexio portalón, cuxa inscrición o data a finais do século XVIII. Nada máis atravesalo, o visitante sitúase no medio dunha serie de edificacións anexas –unha delas conserva elementos agropecuarios típicos nunha propiedade rural deste tipo– pero de fronte coa vivenda principal, fermosísima coa súa galería de madeira, en cor verde, deseñada por Alfonso R. Castelao, amigo e compañeiro de don Ramón na Xeración Nós.

Acceso e edificacións anexas

As terras que circundan a casa de Trasalba conforman unha paisaxe típica de bocarribeira, termo acuñado polo propio escritor, moi típica na provincia de Ourense, onde a decorrer dos diferentes ríos marcan o carácter xeográfico da terra. Dáse alternancia de chaos e bocarribeiras, como no concello de Amoeiro, alí onde non se pode falar de estrita paisaxe ribeira ou montañosa. Se paseamos polos exteriores da casa de Cimadevila podemos atopar desde un hórreo ata árbores froiteiras, pero, por riba de todo, cómpre salientar a citada paisaxe da Galicia interior e o espírito rural dunha propiedade fidalga. Nun día calquera, se un rodea paseniñamente o edificio principal, o silencio tan só se creba co canto dos paxariños.

Suxestivo paseo polos redores da casa

Polo que respecta ao interior da casa, a escaleira de pedra da acceso ás estancias funcionais da vivenda: lareira, despensa, aseo… Nestes espazos consérvanse algúns obxectos interesantes, como a montura que empregaría Otero cos cabalos da casa. Se continuamos a visita, atravesado un pequeno corredor accédese á parte nobre da vivenda.

Espazos funcionais da vivenda

As estancias que máis chamaron a miña atención foron o despacho de don Ramón a o salón onde se expón o marabilloso mapa de Domingo Fontán. No despacho podemos ver numerosos obxectos relacionados coa labor de Otero, como o traxe académico e os centos de libros que conformaban a súa biblioteca –hoxe fondos da Fundación–.

O despacho de don Ramón

Polo que respecta a Carta Xeográfica de Galicia, a primeira representación da nosa terra empregando un sistema científico a comezos do século XIX, pouco se pode engadir. As verbas de Cunqueiro ao respecto falan por si solas –e, por primeira vez, vou engadir unha fotografía miña polo emocionante daquel encontro–:

«Un día (…) me encontré con el mapa de Galicia de don Domingo Fontán. Fue mi gran encuentro con mi país gallego: allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y de mis días, la tierra temporal y la eterna, la tierra que mi lengua necesitaba para soñar»

CUNQUEIRO. «El mapa de Galicia» en El Progreso (2 de junio de 1957)

O mapa de Fontán

A casa conta con outros puntos interesantes. O matrimonio formado por Ramón Otero e Josefa Fita Bustamante conviviu gran parte da súa vida coa nai daquel, Eladia Pedrayo. O seu dormitorio conta cun interesantísimo retablo de reducidas dimensións e pechado con portas de madeira, xunto con outras esculturas de santos, todo o cal da mostra da profunda relixiosidade da nai de don Ramón, que el mesmo sempre mantivo. E, na parte traseira da casa, ábrese unha ampla balconada, espazo fácil de recoñecer na típica fotografía do escritor ourensán descansando nunha cadeira.

Balcón na parte traseira

Outros espazos da casa

A galería de madeira merece mención aparte. Como xa comentara máis arriba, foi deseñada por Castelao, amigo e compañeiro da Xeración Nós. É o elemento máis singular da casa grande de Cimadevila, con permiso do mapa de Fontán. A galería conforma un espazo que, sen dúbida, sería de grande utilidade para o noso protagonista e a súa familia. Momentos de visitas e reunións, ou simplemente de procura de acougo, e mesmo de reflexión e imaxinación, terían lugar na galería verde.

Galería de madeira

«Desde o meu balcón de pau dibuxado por Castelao e posto no canto de aquil outro onde as pitas rubían aos hombreiros de Vicente Risco pra picarlle as gafas coma si foran figos, miro a serra de Avión»

OTERO PEDRAYO, 1934.

Non podo rematar esta reportaxe sen agradecer de corazón á Fundación Otero Pedrayo a súa amabilidade durante calquera das dúas visitas que realicei, especialmente esta última, para a realización das fotografías. Grazas pola vosa disposición e parabéns por tan bo facer a prol do legado oteriano! Contade sempre comigo para que a figura de don Ramón non esmoreza nunca.

«Fala o Patriarca», 2018

BIBLIOGRAFÍA:

  • QUINTANA, X. R. e VALCÁRCEL, M. (2021). Ramón Otero Pedrayo: vida, obra e pensamento. Vigo: Galaxia

FONTES:

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s