Texto: María Berini Pita da Veiga; Fotografías da visita á fundación: María Berini Pita da Veiga; Resto de fotografías: arquivos institucionais
–
Vicente Martínez Risco e Agüero, máis coñecido como Vicente Risco, é un dos intelectuais máis salientables da cultura galega. Nado en Ourense no ano 1884, pertence á chamada Xeración Nós, e as súas achegas, tanto artísticas como etnográficas, merecen o recoñecemento de todos os galegos e, por suposto, un espazo neste modesto blog a prol da divulgación.
–

–
Non é doado estudar unha figura con tanta personalidade, de tan ampla proxección pública nas súas primeiras etapas no galeguismo, á vez tan reservada nos seus últimos anos de vida, e finalmente controvertida na actualidade. Vicente Risco é un dos pais do nacionalismo galego, tanto a nivel teórico como desde a militancia política, sempre cunha perspectiva católica e conservadora, que nunca mudou e que levoulle a apoiar o bando nacional na Guerra Civil, para máis tarde adoptar un perfil baixo e discreto durante a posguerra.
Nesta entrada, á raíz da miña visita á Casa-Museo Vicente Risco en Allariz (Ourense), pretendo facer facer un breve percorrido pola súa vida e a súa obra para poñer en valor o legado de tan destacada figura no galeguismo.
–


–
Como dicía, Vicente Risco naceu en Ourense capital, na rúa da Paz, curiosamente no mesmo edificio que o seu amigo e compañeiro de xeración, Ramón Otero Pedrayo, outra gran figura da cultura galega. Despois de completar os seus estudos universitarios, obtivo unha praza como funcionario de Facenda en Ourense. Home de vasta cultura e con grandes inquedanzas, pronto comeza a frecuentar os círculos culturais e intelectuais da cidade do Miño, á que sempre permanecerá vencellado, con algunhas excepcións, como os seus anos de ampliación de estudos, os de Maxisterio, en Madrid.
O ano 1917 é unha data clave na formación e organización do galeguismo, así como na normalización da lingua galega. Nacen as Irmandades da Fala e delas xorden diferentes iniciativas, como a publicación de revistas e organización de encontros, nos que Risco participa. Consúmase así o vínculo do ourensán co galeguismo, que a partir deste momento será moi fecundo e culmina coa publicación no ano 1920 dun texto fundamental do movemento, a súa Teoría do nacionalismo galego. Nese mesmo ano nace a Revista Nós, na que participarán as máis destacadas figuras da corrente galeguista, posteriormente chamada Xeración Nós (click para ler a entrada que lle adiquei), sendo Risco unha das máis activas. Vive e participa, polo tanto, nun momento de grandes avances para estes movementos a prol da lingua e da cultura galega. Pouco tempo despois estas iniciativas dan un salto á política activa, na que Risco tamén participará de xeito directo.
–


–
Desde un punto de vista literario,«O porco de pé» é a obra máis coñecida de Vicente Risco. Rematei de lela unhas semanas antes de emprender esta emocionante viaxe pola provincia de Ourense. Aínda estou sorprendida pola enorme calidade deste relato. Trátase dunha novela satírica, unha feroz pero elegante crítica da vulgaridade e do materialismo, concretado na figura do protagonista, o porco, don Celedonio. O contrapunto atopámolo noutra personaxe, o Doutor Alveiros, quen representa a intelectualidade e a virtude que necesita a sociedade. As descricións e a linguaxe empregada son dunha gran riqueza, acadan unha profundidade psicolóxica digna de eloxio, e, por riba, son quen de sacarlle ao lector un sorriso. Na maioría de edicións, «O porco de pé» inclúe outras narracións curtas como «O lobo da xente» ou «Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros». Vicente Risco tamén probou sorte co xénero teatral, e proba diso é a súa obra «O bufón de El-Rei», da que espero poder comentar impresións nun futuro.
–


–
Máis se por algo destaca a figura de Vicente Risco é pola súa actividade ensaística e etnográfica. Non só aportou importantes textos ás correntes galeguistas –o citado Teoría do Nacionalismo Galego e Nós os inadaptados, Mittleeuropa, etc.–, senón tamén numerosísimos estudos que serían difíciles de citar nesta entrada, pero que inclúen compilacións etnográficas, froito das súas viaxes pobo a pobo, sobre cancioneiros, festas populares, lendas e diferentes tradicións. Achegas de incalculable valor, pola dificultade de recoller, estudar e clasificar información tan repartida entre aldeas e vilas, nun espazo xeográfico tan singular como é Galicia.
Continuando co percorrido pola súa vida, as viaxes que Vicente Risco emprendeu pola Europa central na década dos anos 30 marcaron a súa visión conservadora e católica. Por outra banda, no noso país, a deriva esquerdista do galeguismo, encabezada por Alfonso R. Castelao, entre outros, fixo que Risco se afastase progresivamente da política, aínda que nos últimos tempos da Segunda República participou na fundación dun partido galeguista de dereitas. A actitude hostil da República coa Igrexa católica e as ondas de violencia e asasinatos que esta sufriu, levoulle a aliñarse a favor do bando nacional, postura moi criticada no seu tempo e aínda máis, se cabe, na actualidade.
Durante o réxime franquista, Risco continuará traballando nos seus estudos etnográficos e publicando diferentes artigos, fundamentalmente en lingua castelá. A súa amizade con Otero Pedrayo levoulle a escribir de novo en lingua galega, aínda que de xeito puntual. Mantivo un perfil discreto, non exento de dificultades, mais a pesaren diso, os seus esforzos foron premiados coa Medalla de Alfonso X, concedida polo goberno. Impartiu conferencias que aínda son recordadas, ata a súa morte no ano 1963.
–

–
O vínculo de Risco coa vila ourensá de Allariz xorde do seu matrimonio con María del Carmen, procedente dunha familia alaricana. Na casa que habitaron, propiedade da súa familia política, sitúase hoxe a sede da Fundación Vicente Risco e un espazo expositivo ao xeito das casa-Museo. A iniciativa de fundar esta institución e situala na vivenda familiar de Allariz xurdiu na mente do seu fillo Antón. Logo dun impecable traballo de rehabilitación do edificio, a hoxe sede da Fundación alberga un fondo expositivo moi interesante, ademais de organizar actividades e exposicións temporais que son verdadeiro pulo para a vida cultural da vila alaricana.
–


–
Nada máis entrar, na planta baixa do edificio, podemos afondar na polifacética figura de Vicente Risco grazas a unha serie de paneis que analizan a súa actividade cultura, académica, política, etc. Neste mesmo andar, un amplo espazo adícase ás exposicións temporais –no momento da miña visita, puiden desfrutar dunha mostra africana (click para máis información)–. Ao fondo, unha porta serve de acceso ao xardín posterior da casa, onde tamén teñen lugar moitas das actividades da Fundación, como concertos ou recitais de poesía.
–











–
Subindo a escaleira, accedemos ao segundo andar, sen dúbida a máis significativa desde un punto de vista literario. Primeiramente exponse unha selección de obxectos persoais do escritor –como o seus característicos lentes– así como unha ampla mostra de caricaturas firmadas por coñecidos ilustradores. Máis a singularidade deste primeiro andar reside na exposición permanente adicada ao «O porco de pé». Trátase dun evocador percorrido pola novela a través da obra pictórica de Xabier Varela. As principais personaxes e as escenas máis salientables da narración aparecen representadas nos seus cadros, acompañadas de mobiliario da época e obxectos que facilitan a evocación. Un espazo expositivo orixinal e digno de eloxio. Un auténtico desfrute para os que admiramos esta novela.
–


















–
Na terceira planta evocaremos o lado máis familiar de Vicente Risco: veremos unha recreación do seu despacho –baseado nunha fotografía real– e máis mobiliario da época, así como outros obxectos persoais e mesmo materiais do Grupo Nós –como ilustracións de Castelao–. Finalmente, o resto de espazos, neste andar e mesmo na última planta, teñen unha finalidade práctica na labor da fundación: arquivos, espazos de traballo e reunión, etc.
–













–
Así remata este paseo pola vida dunha personaxe clave no galeguismo, a raíz da visita á sede da súa fundación en Allariz. Vicente Risco é, para min, un descubrimento máis tardío que o de Cunqueiro ou Otero Pedrayo, máis moi significativo. É unha fonte de inspiración no estudo e a divulgación da nosa cultura. Longa vida o seu legado!
–

–
Esta entrada ten que rematar con un profundo agradecemento a Antonio e a toda a Fundación pola súa amabilidade á hora de facilitarme a visita en Allariz. Foi unha tarde marabillosa. Moitísimas grazas!
–
