Roteiro literario de «A esmorga»: de paseo por Ourense coa novela de Blanco Amor

Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga

Poucos días antes de estoupar a crise sanitaria do coronavirus, en marzo do ano 2020, viaxei ata Ourense co fin de desfrutar dun plan moi especial: ler a famosa novela do escritor galego Eduardo Blanco Amor, «A Esmorga», paseando polas rúas da cidade onde está ambientada, Ourense –Auria, nome literario desta na obra–. Despois de moitos anos de viaxes a excursións singulares baseados en novelas ou episodios moi concretos da Historia, resúltame difícil escoller entre tantos recordos. Sen embargo, aquela excursión literaria a Ourense, un marabilloso día de sol en primavera, é unha das mellores lembranzas viaxeiras que teño dos últimos tempos. Sen dúbida, paga a pena adicar o tempo ás cousas que nos fan felices!

Ourense ao caer a noite

«Cando eu era aínda moi rapaz, seguíase a falar do caso entre as boas xentes de Auria, cibdá onde eu nascín e onde as cousas ocurriran.»

«Conque pillando deiquí e daló e cavilando pola miña conta, ó traverso dos caraiteres entreollados, púxenme agora a escribir esta crónica, a coasi corenta anos de tere recollida tan lerve documentación e a noventa dos sucesos mesmos.»

Documentación. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Lembranzas dunha excursión en exclusiva para ler a novela

«–Eu, como xa dixen, que eí non o apuntaron, ía pra o meu traballo. (…) eisí Deus me dea, que endexamais saíra da miña casa (…) tan determinado a ir pro traballo. »

«–Si, señor, si; os mesmos. O Juan Fariña e o Eladio Vilarchao, que están eí nos papeis, son O Bocas e O Milhomes polos alcumes, que é como equí nos conecemos todos (…).»

«Víase ben que andaban, coma quen di, xa na desfeita dunha boa esmorga, pero aínda bastante bébedos»

Capítulo I. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Non é doado falar dunha novela tan singular como «A Esmorga». Encaixada dentro do xénero da novela tremendista, esta obra narra as andanzas de tres amigos nunha noite de alcohol e excesos pola cidade de Auria, noite que remata cun tráxico final. A singularidade desta novela reside na narración e na temporalización dos feitos, o que a converte nun exemplo de modernidade dentro da literatura galega do século XX. E para aquelas persoas que coma mín gostan de obras onde a ambientación é un punto forte das mesas, «A Esmorga» ofrécelles un roteiro polos espazos que recorren O Bocas e O Milhomes xunto a O Castizo polas rúas de Auria.

«Sacou o Aladio unha botella de augardente, que roubara no mesón e que traguía no peto da zamarra e pegámoslle uns bos grolos pra nos animar.»

Capítulo I. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

«Cando acordaron aqueles marraus, quíxenos convencer que o mellor sería liscarnos cada un pra a súa casa. Pro non quixeron. Decindo a verdade, eu tampouco tiña moitas ganas.»

«Comimos coma abades e bebimos a nos fartar do mellor da cosecha vella que o Pega ía traendo nunha canada, dun pipote, que era dos señores (…). Namentras eu cavilaba os outros cantaron, bailaron e pintaron a rabia facendo cantas tolerías se lles ocurreu.»

Capítulo II. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

«A min non me collía dúbida de que aquela nova tolaxada que iamos a pór por obra meteríame de novo o “pensamento” no corpo, que xa o sentía vir vindo polo peito embaixo (…). Boeno, que total xa estabamos metidos no lío e había que tirar pra diante.»

Capítulo IV. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

O certo é que na novela non faltan referencias aos puntos máis singulares da capital ourensá, polo que recomendo a todos os lectores completar a experiencia literaria visitando a cidade de Ourense. Tan salientable é o papel desta na novela, que o roteiro literario de «A Esmorga» conta con sinalizacións en todos os puntos mencionados ao longo dos cinco capítulos. En diferentes páxinas institucionais pódese consultar moita información sobre este paseo, inclusive un mapa referencial (adxunto os enlaces ao final desta entrada).

«Conque, vai e collimos pola carreteira abaixo (…) ó chegar perto do Posío entramos na taberna da tía Esquilacha, onde pararan tamén os tratantes.»

Capítulo I. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

«Logo fomos dar á fonte do Rei onde mexamos na pía, con licencia de vostede.»

Antiga fonte do Rei

«Conque, como ía dicindo fumos a parare ó caño grande da Burga.»

Capítulo II. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

As Burgas de Ourense

«Ó pasar pola Porta de Aires, adevecimos de envexa ollando pra as tabernas cheias de xente (…)»

Capítulo III. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

«Na fonte de San Cosme bebimos a morro uns grandes grolos da auga da pía, que nos fixo baleirar, de alí a pouco, todo canto tiñamos dentro.»

Capítulo III. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Praza de San Cosmede

«(…) i ó chegar frente ó adral da eirexa de Santa Eufemia vimos que estaba aberta e metímonos nela coma ratos.»

Capítulo III. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Portada da igrexa de Santa Eufemia

«Conque ó chegar perto da Praza Maor, oíronse as tres da mañá, no reló da catedral. A xiada estraba as rúas e mais os tellados, que todo somellaba de vidro polo moito luar (…)»

Capítulo IV. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Praza Maior de Ourense

«Baixamos coma poidemos polo cabouco e puxémonos a alandillar sen coller folgos até chegar perto da Estación…»

Capítulo IV. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Ponte maior ou romana de Ourense

«–Non, señor (…). De primeiras fumos cara a Estación. Non sei si xa dixen que tiñamos mentes de pillar o tren misto, que pasa, como vosté me enseña, ás cinco da mañá e írmonos a Monforte, até que acougara un pouco o asunto, que o tempo todo o vai arranxando.»

«Pro cando tiñamos pasado a Ponte Maor topeime co Barrigas (…) e colleume aparte pra me dicere que fariamos ben en non chegare á Estación que andaba por aló a parexa a nos precurar.»

«Ó chegar a outra banda da Ponte, o Milhomes trouxo da taberna do Sancristán (…) dúas botellas de augardente, que boa falla nos facían pra non esmorecer.»

Capítulo V. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Lonxe de quedarse en mera narración dunha noite de esmorga, a novela de Blanco Amor reflicte a esencia da cidade na época na que está ambientada. De «A Esmorga» extraemos moita información sobre o Ourense de comezos de século, no que respecta aos espazos xeográficos, os costumes e, por riba de todo, a estrutura social. Na novela coñecemos de primeira man o Ourense suburbial e obreiro, pero tamén ten presenza a fidalguía e mesmo a burguesía nalgúns episodios como a tráxica visita ao Pazo dos señores do Castelo. Feirantes que alternan na Taberna da Tía Esquilacha, mulleres de antigo oficio na Casa da Nonó, lavadoiros e fontes populares e mesmo a estación do tren e a ponte medieval aparecen citados na novela ourensá por antonomasia. O meu parágrafo favorito, sen dúbida, e o que fai mención o tránsito pola Praza do Correxidor, coas badaladas da catedral ao fondo, por seren na vida real o espazo onde acostumaba a parar nos meus paseos pola cidade.

Praza do Correxidor

«Cando paramos de correr, aló pola praza do Correxidor, oíronse no reló da Catedral as badaladas de media noite.»

Eduardo Blanco Amor. «A Esmorga»

Baixada á Catedral desde a Praza do Correxidor

A novela de Eduardo Blanco Amor foi publicada no exilio arxentino a finais da década dos 50. Ata o noso país chegou en 1970, e, na actualidade, é unha das obras en lingua galega máis coñecidas polo gran público. Foi adaptado ao teatro e levouse ata a gran pantalla en dúas ocasións –1977 e 2014–. Tamén cómpre destacar as múltiples traducións a outras linguas.

«–¿De onde che saíron ises cartos?, preguntou o Bocas, erguendo sobrecello. –¡Ai, non che sei!, contestou o Milhomes, coa súa vociña mansela e cheia de falsía.» (…)

«–¿Vas calar o pico, merdán?, berrou o Bocas índose pra il.» (…)

«–¡Vaia, caraja!, alporizou o Milhomes. ¡As maus quedas, eh! E ti, a ver se deixas de rir que non son ningún antroido.»

Capítulo II. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Pórtico do Paraíso na Catedral de Ourense

«A Esmorga» non é a única novela que o autor ourensán ambientou en Ourense. Das que teño lidas, quero facer mención a «La catedral y el niño» (1948), escrita en lingua castelá e reeditada recentemente pola editorial Libros del Asteroide, poisfoi un dos primeiros conatos literarios de Blanco Amor, en forma de novela de aprendizaxe, narrando a vida dun neno, Luis Torralba, no Ourense de comezos de século. Tamén teñen a cidade termal por escenario «Xente ao lonxe» e «Os biosbardos», lecturas das que espero poder falar nun futuro. Resultoume difícil saír dos meus autores galegos de referencia –Cunqueiro, Otero Pedrayo e Risco– mais, a día de hoxe, «A Esmorga» e Eduardo Blanco Amor forman parte desta listaxe, que agardo seguiren aumentando co tempo.

Calexón de Pena Vixía

«O Bocas aparesceu (…) e sen decire palabra diste mundo, o Milhomes alancou pra il e dun golpe afundiu alí a navalla (…).»

«–Si, señor, si. É isa mesma. Vinlla pouco, pro isa somella sere a navalla de Aladio o Milhomes.»

«Ciprinao Canedo, ou Cibrán, ou o Castizo, ou… aínda pudo pillar dun brinco a navalla de enriba da mesa e afundila por embaixo das costelas… Porque hai xentes de tal condición que pra se ceibar do “pensamento” téñeno que matar dentro de si…»

Capítulo V. A esmorga. Eduardo Blanco Amor

Praza do Bispo Cesáreo

Na Praza do Bispo Cesáreo, unha escultura lembra a figura de Eduardo Blanco Amor, bo punto para rematar este roteiro literario pola bela cidade de Auria.

Escultura homenaxe a Blanco Amor

Enlaces:

https://www.turismodeourense.gal/wp-content/uploads/2016/05/Roteiro_BlancoAmor.pdf

https://www.turismodeourense.gal/agrupacion/ruta-de-a-esmorga/

https://blog.turismo.gal/experiencias-es/la-ruta-de-a-esmorga/

Escultura homenaxe a Blanco Amor na praza do Bispo Cesáreo. Publicación nas miñas redes sociais, durante o roteiro literario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s