Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga
–
Se a pasada semana publiquei unha entrada sobre as mellores exposicións da tempada en Madrid, hoxe é tempo da máis salientable deste outono/inverno en Galicia: a mostra retrospectiva sobre a Xeración Nós, titulada “Galicia de Nós a nós”, visitable con entrada de balde na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Publico esta entrada en lingua galega, pois vai de seu que así sexa se falamos de grandes figuras do galeguismo como Otero Pedrayo ou Risco, polas súas grandes achegas a nosa cultura e porque así, sen dúbida, o farían eles.
–

–
“Galicia, de Nós a nós” é, ata o momento, a máis grande exposición adicada a este grupo de escritores e intelectuais galegos. Non podía ser menos, tendo en conta que este 2020 é o centenario do seu nacemento, aínda que eles non se constituíran de inicio como tal. O 30 de outubro de 1920 publicábase en Ourense o primeiro número dunha revista valente, innovadora, galeguista e europeísta á vez, revista que foi bautizada co nome de “Nós”, de aí que aos seus impulsores e colabores habituais se lles chamara posteriormente “Xeración Nós”.
–




–
Fai apenas dúas semanas rematei de ler “Arredor de si”, novela escrita por un dos seus membros, Ramón Otero Pedrayo, habitualmente considerada como o retrato ideolóxico dos membros da Xeración Nós. Penso que nada mellor que esta obra para explicar os obxectivos que perseguían este grupo de autores. Desta novela podemos sacar o quid do seu pensamento: Galicia ten identidade e cultura propia, e non é esta inferior a outras, pois poñendo a mirada en Europa, o continente atesoura moitas culturas, e todas elas son valiosas e necesarias para entender a nosa civilización. Precisamente os autores da Xeración Nós buscaron impulsar e rescatar a cultura galega, dándolle todo o valor que ela ten de seu, mais buscando á modernidade desde unha posición cen por cen europeísta. Promoveron estudos, publicaron obras de toda índole (artigos, novelas…) de cuidada estética e con culta linguaxe, sen renunciar ás renovacións literarias latentes nese momento en Europa, sendo as figuras máis destacadas as xa citadas, como Otero Pedrayo e Risco, mais tamén outras como o polifacético artista Alfonso Rodríguez Castelao ou Florentino L. Cuevillas.
–

–
Non me da medo afirmar que ningunha outra xeración galega no século XX e no actual XXI superou a altura de miras e a bagaxe intelectual da Xeración Nós. É por iso que, con moitísima ledicia e ilusión, visitamos a exposición na Cidade da Cultura do Monte Gaiás, coa forte convicción de que a Xeración Nós merecía unha exposición relevante que rememorara o seu labor. Sirva esta entrada como reportaxe da mostra, pero tamén como homenaxe aos homes deste grupo, aos que tanto lle debemos polo seu incrible traballo a prol da cultura galega.
–








–
A exposición, situada nos segundo andar do edificio destinada a museo (o conxunto da Cidade da Cultura conta con varias construcións destinadas a diversos fins) consta de varias partes. A primeira, titulada “Galicia antes de Nós: 1810-1916” analiza o traballo dos primeiros intelectuais galegos en favor do coñecemento da nosa terra. Así, podemos encontrar recortes da prensa, obras orixinais ou obxectos persoais da época, destacando por riba de todo as pezas referidas a Domingo Fontán, especialmente o mapa que leva o seu nome, por ser da súa autoría, de especial relevancia no estudo da xeografía galega.
–
«Un día (…) me encontré con el mapa de Galicia de don Domingo Fontán. Fue mi gran encuentro con mi país gallego: allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y de mis días, la tierra temporal y la eterna, la tierra que mi lengua necesitaba para soñar»
Álvaro Cunqueiro. «El mapa de Galicia» en El Progreso (2 de junio de 1957)
–
–














–
A segunda parte está adicada aos membros da xeración, e por iso ten por título “Os protagonistas”. Nestes espazos o público pode ver obras orixinais, manuscritos, pinturas de artistas da época, actas e documentos das reunións, así como fontes epistolares, que teñen como protagonistas a Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso R. Castelao ou Ramón Cabanillas. Esta segunda parte conta tamén cunha sección adicada a autores en lingua castelá aos que a Xeración Nós profesou unha especial admiración, como Valle-Inclán ou García Lorca (na exposición temos o pracer de poder ver de cerca un manuscrito dos seus poemas en lingua galega).
–












–
A visita continúa cunha terceira parte centrada na Revista Nós, “A revista Nós I”, en concreto no seu deseño, impresión, tipografía… na que destaca a exhibición dos 144 orixinais desta publicación. Cómpre destacar que a famosa tipografía desta revista, moi empregada e vinculada a estes autores, foi deseñada por Castelao inspirándose na epigrafía románica baixo os linteis do Pórtico da Gloria, na catedral compostelá.
–















–
Doutra banda, en “A revista Nós II” fálase dos contidos da mesma, os cales poden agruparse en nove categorías temáticas, tales como Historia, Xeografía, Literatura, Etnografía, Ciencias Naturais ou actualidade (deportes e novas). Esta é a sección que conta con máis elementos singulares, como a escultura do apóstolo Santiago do século XV, traído da Bretaña, que tanto impresionou a Castelao; unha reprodución dunha embarcación tipo dorna; pezas arqueolóxicas como torques ou esculturas medievais e renacentistas; entre outras pezas. Tampouco deixa de estar presente facetas máis descoñecidas dos estudos da Xeración Nós, como a muller galega, os deportes ou a pedagoxía. Velaquí está o valor dos homes da Xeración Nós, a contribución ao desenvolvemento da cultura galega desde unha posición multidisciplinar e reforzada pola ampla formación intelectual dos seus membros.
–
























–
Por último, a sección titulada como “De Nós a nós: soños que se cumpren” analiza o legado desta xeración, desde o punto de vista actual, ofrecendo un repaso polas achegas dos seus membros e diversas homenaxes das últimas décadas. A mostra remata cun espazo onde se proxecta o vídeo dun coloquio especial levado a cabo de xeito telemático con motivo da inauguración da exposición.
–




–
Desde este blog animo a todas as persoas que teñan inquedanzas culturais a que visiten “Galicia de Nós a nós”. Compostela sempre é un bo pretexto para facer unha excursión ou viaxe, e esta exposición pode acompañarse dunha bonita subida a pé polo Bosque de Galicia ata a Cidade da cultura, e, se aínda tedes tempo para máis, visitar a marabillosa colexiata de Santa María do Sar, moi preto do conxunto do Monte Gaiás (podedes ler a entrada que lle adiquei a esta andaina fai uns anos, premendo na seguinte ligazón).
[EDITADO]
Edito para comentar que tras la visita, podéis haceros con el catálogo de la exposición. Vale la pena porque es una edición muy cuidada y ofrece información completísima.
–



–
–