Outono no Gaiás. «Unha árbore de historias: cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego»

Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga

–

Poucas cousas son xa tan tradicionais na miña existencia como as escapadas de outono a Compostela. Ano tras ano visitar a cidade do Apóstolo é sinónimo de paseos baixo a chuvia, degustación de castañas, agasallos no comercio local ou visitas ás exposicións culturais máis en sintonía cos meus intereses. A conexión ferroviaria pono fácil e a deformación romántica xa ven de serie… polo que velaquí vai a enésima reportaxe sobre o patrimonio e a oferta cultura da capital galega.

A (sempre controvertida) Cidade da Cultura –coñecida polo gran público como o Gaiás– ofrécenos, nas distintas tempadas do ano, unha oferta cultural ben variada –exposicións, concertos, conferencias–. O enorme complexo conta con diferentes espazos que fan posible que desde a súa apertura no ano 2011 albergue todo tipo de eventos. Na Cidade da Cultura ten sede, ao mesmo tempo, a Biblioteca de Galicia, centro do Sistema Galego de Bibliotecas, dependente da administración autonómica.

–

Biblioteca de Galicia, dentro do conxunto da Cidade da Cultura

–

No vestíbulo da Biblioteca de Galicia podemos visitar, ata maio do 2023, a exposición «Unha árbore de historias: cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego». Esta mostra, como o seu propio nome indica, fai una repaso á literatura infantil e xuvenil escrita en lingua galega durante o último século: desde o ano 1922, cando se publica, por impulso de Ramón Cabanillas, a revista infantil «As Roladas», e tamén os primeiros contos, ata os títulos máis actuais. Artellada ao redor de cen obras, supón un recoñecementos a todos eses autores que introduciron a nosa lingua nun xénero ata o momento alleo. Non faltan referencias a «Memorias dun neno labrego» de Neira Vilas ou «A galiña azul» de Carlos Casares, pero tamén a todos eses profesionais, da literatura ou do ensino, que contribuíron a normalizar a presenza da lingua no eido editorial, e, concretamente, ao destinado ás crianzas.

–

Exposición «Unha árbore de historias»

–

«Unha árbore de historias» divídese en oito seccións, que na miña opinión, fan un bo repaso a xénese, desenvolvemento e consolidación deste xénero na nosa lingua, utilizando a metáfora da árbore:

  • A semente (1922-1936)
  • A escuridade (1936-1960)
  • O tronco (1961)
  • As pólas (1962-1975)
  • A luz (1976-1985)
  • O agromar (1985-1997)
  • A follaxe (1998-2013)
  • Os froitos (2014-2022)

–

Detalles das diferentes seccións da mostra

–

A mensaxe introdutoria incluída tanto no folleto como no primeiro panel da mostra é toda unha declaración de intencións: di que tanto ten que sexas unha nena, un bibliotecario, unha mestra ou un mozo, pois este percorrido invita a coñecer mellor a nosa historia –lectora– e a non esquecer un feito:

–

«Lembra que mentres unhas sigan creando, outros seguirán lendo, polo que esta árbore non ha secar nunca».

–

Unha reflexión en voz alta

–

Os que nacemos co Estatuto de Autonomía aprobado e as políticas lingüísticas desenvolvidas, quizais non sempre valoramos os esforzos normalizadores, dos que desfrutamos na nosa infancia con certa naturalidade. É o caso do Xabarín Club ou da Literatura Infantil e Xuvenil en galego, presente nas bibliotecas escolares e nas librerías locais. Cómpre non só agradecelas, senón continuar traballando nelas, á vista das desacougantes cifras de falantes que mostran os estudos demoscópicos sobre o estado da lingua.

–

–

–

Enlaces:

–

Deja un comentario