Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga
–
Introdución
No pasado mes de outubro cumpríronse 50 anos daquel primeiro concerto que un grupo de mozos e mozas lucenses ofreceran no III Festival de As San Lucas de Mondoñedo. Cunha canción, titulada «Fuxan os ventos» —que logo daría nome a banda—, gañaron dito certame, e, medio século despois, podemos afirmar que son a formación máis senlleira da historia do folk galego. Pero cómpre ir falando por orde…
–

–
Se algo bo ten a chegada do outono —ademais do pracer de comer setas ou castañas e dar paseos polo monte— é que nel comezan a se desenvolver as axendas culturais das diferentes cidades e vilas. Hai poucas semanas publicaba nesta páxina as dez mellores exposicións da tempada en Madrid. Mais, por sorte, na nosa terra a oferta tamén está a ser ben interesante: mentres deixamos atrás as fotografías de Ruth Matilda Anderson no Museo de Pontevedra e comezamos a pensar no centenario Picasso no Museo de Belas Artes da Coruña, Lugo acolle unha exposición conmemorativa dos 50 anos de Fuxan os Ventos. No espazo cultural O Vello Cárcere podemos visitar ata o mes de xaneiro esta mostra retrospectiva da carreira musical da banda lucense. Como veremos logo, se ben singular é o espazo que a custodia, tanto ou máis é a variedade de elementos coa que debuxa a traxectoria do grupo: carteis, fotografías ou partituras, mais tamén instrumentos, poemas e gravacións inéditas. O título oficial da exposición, «Fuxan os Ventos: 50 anos de historia», fala ás claras.
–
–
A historia dunha formación senlleira. Lugo, terra de artistas
O noso amigo P. sempre comenta que Lugo, pese a non ter o poder económico e demográfico das provincias costeiras, é unha terra que legou importantes persoeiros. Con eles ben poderiamos ir bosquexando a historia de Galicia: literatos como Álvaro Cunqueiro, Anxel Fole, Noriega Varela ou Manuel María; músicos que van de Pascual Veiga a Fuxan os Ventos; emprendedores como o marqués de Sargadelos; polígrafos como Gamallo Fierros e Iglesia Alvariño; por non falar de eclesiásticos, políticos ou xornalistas por todos coñecidos.
No seo dun centro escolar lucense, o Colexio Menor do Santísimo Sacramento, e da man do Padre Xesús Mato, naceu Fuxan os Ventos a comezos dos anos setenta, pois alí se coñeceron algúns dos membros da banda, daquela estudantes. Unidos polas súas inquedanzas a prol da cultura galega, coa música tradicional e a lingua propia como binomio indisoluble, deciden formar un grupo. A súa primeira aparición pública foi, como diciamos, no III Festival de As San Lucas de Mondoñedo —e permitídeme a licencia de opinar isto: que romántica unha estrea nas festas máis antigas e tradicionais da Galicia!— Naquel certame os nosos protagonistas participan co nome de «Folk 72» interpretando unha canción que finalmente daría nome á banda: Fuxan os Ventos. Marabilloso tema aquel: mesturando ritmos, recitando versos… e deixando clara a súa vontade:
–
«Queremos cantar / queremos berrar, / coa forza da fe, / que a nosa Galicia, / aínda está de pe»
«Mirade pra diante / sempre sen medo / nenos e nenas / mozos e vellos / Galicia enteira / que eiquí representa / esta xuntanza que non ten medo»
«Anque choren os campos, / na súa orfandade, / morran solos os vellos / afogando as penas; / anque non sone a gaita / nas romerías, / fuxan mozos e mozas / á terra allea. / No fondo da ialma / do noso pobo, / latexa a forza dun mundo novo»
«Co traballo, a xuntanza i a fé / coas escolas, leiros, prados i o mare / queimaremos penas mortas ata o fin / o carón desta esprenza / que xa brila nesta terra / loitaremos»
Fragmentos da canción «Fuxan os ventos»
–

–
Nos anos posteriores ata a publicación do seu primeiro disco (período 1973-1976), Fuxan os Ventos participa en numerosos festivais e encontros musicais por toda a xeografía galaica, recuperando temas populares mais tamén ofrecendo creacións propias. Os que temos pais e nais que foron mozos naqueles tempos sabemos da popularidade do grupo. No ano 1975, na cidade de Compostela, chegaron a tocar ante 5000 persoas.
As primeiras gravacións da banda ven a luz a partir do ano 1976 e configuran a súa discografía básica: o homónimo «Fuxan os ventos», «O tequeletequele», «Galicia canta ó neno» e «Sementeira». Algúns destes discos forman parte da miña biblioteca musical e escoitándoos lémbrome especialmente do meu pai, da súa mocidade en Lugo e de todas as aprendizaxes que me ofreceu, entre elas o amor a nosa historia. Da man dos seus primeiros elepés virán centos de actuacións cada ano, na terra pero tamén no estranxeiro, entre elas as participacións nos grandes festivais de Ortigueira e Lorient. Estamos a falar dos tempos de gloria da música folk ou a canción protesta, nos que Fuxan os ventos xogaron un papel moi destacado, xunto con outras personaxes como el caldense Suso Vaamonde.
–

–
A actividade do grupo esmorece segundo avanza a década dos oitenta. Reaparecerán nos albores do século XXI con dúas gravacións, «Sempre e máis despois» e «Na memoria dos tempos», aínda que a súa volta real aos escenarios non terá lugar ata o ano 2007, logo de ter participado no Festival de Pardiñas. Durante o 2008 realizaron unha xira que deu como froito un disco xa case convertido en clásico, «Terra de soños», con gravacións en directo. E aínda estamos a tempo de velos algunha vez máis, pois de cando en vez soben aos escenarios, como precisamente fixeron no Vello Cárcere de Lugo, na estrea da exposición protagonista deste artigo, o 22 de outubro.
–

–
Visitando «Fuxan os ventos: 50 anos de historia»
A exposición divídese en tres seccións: contexto, cronoloxía e universo creativo.
–






–
A sección «contexto», situada no patio de celas, ofrece cinco salas nas que se repasan as orixes e os primeiros anos da carreira de Fuxan os ventos, desde os comezos ata a publicación do seu primeiro disco: un friso temporal, un mapa coa totalidade dos concertos ofrecidos na Galicia, materiais acerca do contexto cultural e das primeiras participacións en eventos musicais ou culturais, e, rematando esta etapa, unha especial mención ao ambicioso proxecto «Galicia canta ó neno».
–



















–
Desde o patio de celas subiremos ao primeiro andar para abordar a sección «cronoloxía», repartida ao longo de once salas. Comezaremos coas adicadas as primeiras gravacións —catro discos, como sinalaba máis arriba—, para continuar debuxando a traxectoria da banda lucense: os éxitos no estranxeiro, a paréntese dos oitenta, dous novos discos a comezos de século, o gran proxecto «Terra de soños» xunto a outros artistas galegos ou o seu activismo político-cultural —na catástrofe do Prestige, por exemplo—.
–






















–
Deixaremos logo o patio de celas para avanzar cara a terceira sección, situada nun ala lateral do vello cárcere. Non sen antes visitar unha sala moi especial, a das lembranzas, con testemuños escritos a man por cada un dos membros da banda; sen dúbida, un dos apartados máis emocionantes da mostra.
–







–
Chegados xa a terceira sección, titulada «universo creativo», como o seu propio nome indica a mostra analiza o proceso de creación musical de Fuxan os Ventos. As letras das súas cancións son sinal distintivo da banda: beben de escritores vellos mais tamén contemporáneos aos músicos —como Celso Emilio ou Manuel María— e da tradición oral, recollida a través do estudo dos cancioneiros populares pero tamén por vía directa, dos homes e mulleres que coñecen nos seus percorridos polo país —a nota romántica: esa caixa de tabaco Winston, o primeiro que tiveron a man para anotar os versos—. Neste terceiro e último apartado falarase tamén da censura dos primeiros tempos —as cancións tiñan que ser autorizadas—, dos formatos —cambiantes co avance da tecnoloxía—, os instrumentos tradicionais que empregan e o deseño da súa imaxe corporativa —mudando sempre cos tempos—.
–



















–
«Fuxan os ventos: 50 anos de historia» remata nunha sala onde podemos deixar escrita a nosa mensaxe de agradecemento nun libro de visitas, e despedirnos desta marabillosa exposición cun texto emocionante que podedes ler na seguintes fotografía —pois é imposible reflectir mellor os sentimentos cos que visitantes coma eu finalizamos esta viaxe musical—:
–

–
Unha mostra tan singular, formada por elementos variados en diversidade de formatos —moitos deles sensoriais— debe ser vivida. Todo o que poida escribir aquí tan só ha de servir para animarvos a visitala. Medio século de vida dunha formación tan relevante na historia da música galega ben merece que lle adiquemos un tempo. Visitar «Fuxan os ventos: 50 anos de historia» é unha maneira de agradecerlles a estes músicos a súa contribución á cultura galega. Nin que dicir ten que desfrutarán da mostra os que, aínda por riba, sexan fondos admiradores —nenos e nenas, mozos e vellos— da banda lucense.
–
–
O Vello Cárcere de Lugo
Levantada entre os anos 1882 e 1887 seguindo o modelo de cárcere española do momento, a antiga prisión lucense pechou as súas portas como centro penitenciario en 1981. Posteriormente o edificio foi rehabilitado como centro sociocultural, tendo lugar a súa estrea un 30 de marzo de 2017. A estrutura carceraria, cos patios e ringleiras de celas, foi respectado, o que lle outorga unha singularidade moi especial ao conxunto, no que teñen cabida todo tipo de eventos culturais promovidos polo Concello de Lugo. Recomendo consultar os horarios na páxina oficial, xa que mudan segundo o día da semana.
–























–
–
Ligazóns
- Páxina oficial: https://ovellocarceredelugo.gal/
- Páxina oficial da mostra: https://ovellocarceredelugo.gal/fuxan-os-ventos-50-anos-de-historia/
- Noticia no xornal El Progreso de Lugo: https://www.elprogreso.es/articulo/lugo/fuxan-ventos-inaugurara-dia-22-lugo-muestra-celebrar-50o-aniversario/202210131117511607855.html
- Vídeo coa actuación do grupo na estrea: https://www.elprogreso.es/video/lugo/abre-portas-mostra-fuxan-ventos-50-anos-historia/202210221310301610204.html
–

–
Rematar a xornada cun paseo por Lugo baixo o sol é ser millonario con ben pouco…
–










–