Casa dos poetas de Celanova (Ourense): lembrando a Curros Enríquez e Celso Emilio

Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga

Aquí ven o mayo
de frores cuberto


MANUEL CURROS ENRÍQUEZ. «Aires d’a miña terra»

Comezo o mes de maio publicando un traballo mais extenso e coidado do que eu imaxinara cando andaba a argallar ideas para escribir sobre Celanova. Despois das reportaxes adicadas ás casas-museo de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, Lugo), Otero Pedrayo (Amoeiro, Ourense) e Vicente Risco (Allariz, Ourense), non é de estrañar que continúe ofrecendo en mariaberini.es este tipo de entradas: ben clara quedou hai tempo a miña inclinación cara as viaxes protagonizadas pola literatura, tanto española como propiamente galega.

Paseando polas rúas de Celanova, nunha excursión literaria

Nesta entrada o enfoque literario lévanos ata a vila ourensá de Celanova. Esta localidade, capital da comarca que leva o seu nome, ofrécelle ao visitante un interesante patrimonio no que destaca por riba de todo o mosteiro de San Salvador. Este cenobio foi fundado no século X por San Rosendo, importantísima personaxe da que xa teño falado na serie «Os dez episodios máis importantes da historia de Galicia» e tamén na entrada adicada á capela mozárabe que sobreviviu dentro do conxunto monástico, a de San Miguel. Mais en Celanova tamén podemos desfrutar de todo un roteiro literario, grazas a que a vila foi berce de varios escritores galegos, sendo os mais afamados Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. O percorrido, como explicaremos despois, artéllase arredor da chamada Casa dos Poetas e ten parada en diferentes rúas do concello. Mais o primeiro que debo facer é resumir brevemente a vida e a obra destes dous autores.

Si digo Ourense xurde na lembranza

un tempo adolescente,

unha voz maternal e confidente,

unha perdida luz, unha arelanza.


CELSO EMILIO FERREIRO. «Viaxe ao país dos ananos»

Preto da cibdá de Ourense

camiño de Celanova,

onde é máis tépedo o vento

que a terra gallega azouta,

dun círcolo de montanas

na faldra, sempre verdosa,

esténdese un val frorido,

cuberto de herbas cheirosas,

piñeirales i arboledos

ricos de frutas e sombra.


MANUEL CURROS ENRÍQUEZ. «A Virxe do cristal»

O antigo mosteiro de San Salvador de Celanova en diferentes momentos dunha mesma tarde

Fala de miña nay, fala armoñosa, (…)


MANUEL CURROS ENRÍQUEZ. «Aires d’a miña terra»

MANUEL CURROS ENRÍQUEZ (Celanova, 1851 – La Habana, 1908)

O primeiro protagonista desta reportaxe é Manuel Curros Enríquez, quen, xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, forma parte do grupo de escritores do Rexurdimento, un movemento literario do século XIX caracterizado pola fecunda recuperación da lingua galega na literatura, tras unha serie de séculos sen presenza algunha no eido cultural.

Curros Enríquez nace na localidade ourensá de Celanova en 1851, nunha familia acomodada mais marcada polo forte carácter do pai, o que leva á fuxida de varios irmáns a idades temperás. A maioría de biógrafos considera que a ideoloxía e o temperamento do seu proxenitor é o motivo de atopar na súa obra postulados sociais e anticlericais, nunha clara actitude de rexeitamento cara o vivido no seu fogar.

Con quince anos abandona o seo familiar e, tras un breve paso por Ourense capital, Curros marcha a Madrid para rematar o bacharelato e estudar Dereito, carreira que non culminará. Na capital traballa como xornalista en «La Gaceta de Madrid» ou «El imparcial» e crea o seu primeiro poema en galego, «Cántiga». Xunto con outros intelectuais galegos residentes na capital funda no ano 1875 unha sociedade chamada Galicia literaria, na que se traballa e discute sobre temas e personaxes da terra. É a partir deste momento no que Curros Enríquez inicia a súa carreira como escritor en lingua galega, xa que tan só un par de anos despois, en 1877 gaña o certame convocado por «El Heraldo gallego» a iniciativa de Modesto Fernández, cuxo obxectivo era retratar os costumes, tradicións e tipos de Galicia. O noso protagonista vence con poemas ben recoñecidos na actualidade, como «A Virxe do cristal».

Será a protección que lle brinda Modesto Fernández o que o trae de volta a Galicia para ocupar un posto na Delegación de Facenda. Recibirá unha subvención da Deputación de Ourense para crear o seu poemario máis sobranceiro, «Aires d’a miña terra», mais as mensaxes anticlericais implícitas nesta obra provocan a denuncia do bispado ourensán, que remata en condena ao autor, aínda que posteriormente foi recorrida co resultado de absolución. De aquí en diante, Curros Enríquez será una figura recoñecida no ámbito da cultura galega, dando boa conta disto a coroa imposta polo Centro Gallego de Madrid en 1893, cidade na que alterna estadías coa súa residencia en Ourense.

Por motivos aínda non aclarados, emigra a Cuba no ano 1894 e non regresará a España ata dez anos despois. Na illa caribeña prosegue co seu labor xornalístico –funda «La Tierra Gallega»– mantendo o compromiso coa cultura propia. Cando regresa á Coruña en 1904 é recibido por diversas personalidades como Murguía e Martínez Salazar, e a cidade imponlle unha nova coroa como Poeta Nacional, nun acto moi especial organizado por diversas asociacións culturais. No ano seguinte, Curros Enríquez regresa a La Habana. Desde alí apoiará o xerme da futura Real Academia Galega e seguirá a participar en importantes actos culturais relacionados con Galicia, como a homenaxe ao músico Pascual Veiga no ano 1907, primeira vez que soará en público o himno galego. Mais o noso protagonista falece en Cuba pouco tempo despois, en 1908. Repatriado o cadáver a España, exponse durante tres días no Pazo Municipal da Coruña e ao seu multitudinario enterro na cidade herculina asisten máis de corentamil persoas, segundo o relato dos xornais da época e como testemuñan diversas fotografías.

A nivel persoal, cómpre sinalar que Curros casa con Modesta Vázquez en Madrid no ano 1873, coa que terá cinco fillos. Se cadra as relacións familiares non foron boas, baseándonos no feito de que decide marchar a Cuba en 1894 e non visita á familia nesa viaxe a España xa referida, a comezos de século.

Idioma en que garulan os paxaros,

en que falan os ánxeles os nenos,

en qu’as fontes solouzan e marmullan

entr’os follosos albores os ventos.


MANUEL CURROS ENRÍQUEZ. «Aires d’a miña terra»

Lembranzas de Curros Enríquez polas rúas de Celanova

Si dixese que sí,

que todo está moi ben,

que o mundo está moi bon,

que cada quen é quen…

Conformidá.


CELSO EMILIO FERREIRO. «Longa noite de pedra»

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979)

Falar de Celso Emilio é facer referencia á principal figura da poesía social galega. A pesar das diferencias estéticas das súas obras, existe un paralelismo entre as figuras de Curros Enríquez e de Celso Emilio, alén do seu nacemento na vila de Celanova. Se Curros é o poeta civil do século XIX, cantor xusticieiro, Celso Emilio é o da seguinte centuria, a figura mais salientable da poesía de posguerra marcada polo compromiso político dos opositores ao réxime. Ámbolos dous, ademais, compartiron estudos inacabados e a experiencia da emigración.

Celso Emilio Ferreiro nace en Celanova no ano 1912, nunha familia de ambiente galeguista, pois o seu pai formara parte das Irmandades da fala. Durante a nenez estuda nos Escolapios de Celanova, e xa desde moi novo participa da política, nas Mocedades galeguistas que funda en Celanova e mesmo de concelleiro. Non será ata o remate da Guerra Civil, en 1939, cando obteña o título de bacharelato e decida cursar estudos de Dereito e Maxisterio. A partir da posguerra ocupará diferentes traballos como docente, xornalista, secretario en organismos públicos ou mesmo procurador, mudando a súa residencia en varias ocasións. En 1943 casa coa asturiana María Luisa Moraima, a quen coñecera no seu paso pola fronte de Asturias durante a guerra. Residirá no noso país ata o ano 1966, no que se exilia a América latina, en concreto á cidade venezolana de Caracas, logo dunha sentida homenaxe de despedida, á que asistiron máis de 200 comensais e na que leron discursos figuras como Otero Pedrayo. Durante os anos de estadía nas Américas desenvolverá unha importante actividade cultural. Non regresará a España ata 1973, establecendo a súa residencia en Madrid. A morte sorpréndelle en Vigo durante unhas vacacións, tan só seis anos despois do regreso, sendo enterrado na súa Celanova natal. Sucedéronse multitude de homenaxes tras o seu pasamento e no ano 1989 foi o protagonista do Día das Letras Galegas.

Pasando dos apuntamentos biográficos a súa carreira literaria, cómpre citar a súa primeira inclusión na literatura, «Cartafol de poesía», obra que escribe moi novo, en 1935. Na posguerra publicará contos, poemas e artigos xornalísticos, maioritariamente en español. Porque non revelará a súa verdadeira capacidade poética ata a década dos 50, coa publicación de «O soño sulagado». Nesta época remata tamén a famosa biografía do seu paisano, Curros Enríquez. Sen embargo, a súa obra mais recoñecida, tanto polos lectores como pola crítica, é «Longa noite de pedra», poemario que ve a luz en 1962, reflectindo a súa experiencia de catro días no cárcere, logo de criticar o réxime cando participaba nas súas filas. Aínda que a súa poesía vai máis aló das obras que estou a citar, outro título salientable é «Viaxe o país dos ananos», publicado no exilio en 1968 e fortemente caracterizado pola experiencia da emigración.

Lonxe de ser menoscabo da súa obra, dise de Celso Emilio que foi poeta tardío e de creación lenta, mais no bo sentido da expresión. Non é xusto reducir o valor da súa poesía á mensaxe, pois atópanse elementos líricos que cómpre mencionar. Vense ecos de Lorca en «María Soliña» ou de Salinas en «Ti e mais eu», mais tamén un xenuíno sarcasmo nos seus poemas, defensa e agravante da violencia cando carga o verso de intención colectiva, o que lle confire estilo propio. Celso Emilio tamén é renovación cando se afasta da poesía de anteguerra e da que se fai desde España no seu tempo, continuadora das fórmulas neotravodorescas e depuradas, cheas de arcaísmos e lusismos, nostalxia da lírica medieval. Porque, como di Basilio Losada no prólogo da miña «Longa noite de pedra», Celso Emilio emprega linguaxe viva, isto é, a expresión oral do pobo, embelecéndoa, no que supón unha «vuelta a la realidad cotidiana, con la lengua cotidiana y haciendo de la poesía meditación de la verdad de su tiempo».

Penso en Galicia e vexo un lume aceso

nas pálpebras azúes da paisaxe.


CELSO EMILIO FERREIRO. «Viaxe ao país dos ananos»

Celso Emilio Ferreiro, outro protagonista da Celanova literaria

¡Que triste está a aldea,

que triste e que sola!

A terra sin frutos, a feira sin xente,

Sin brazos o campo,

sin nenos a escola,

sin sol o hourizonte, sin frol a semente!


MANUEL CURROS ENRÍQUEZ. «Aires d’a miña terra»

A chamada Casa dos poetas de Celanova, sede da Fundación Curros Enríquez, sitúase no número 37 da rúa que leva o nome deste gran poeta, na que fora a súa casa natal. Tras atravesar a fachada principal, ao estilo dunha construción típicamente burguesa, sorprende topar cos restos dunha vivenda tradicional galega, artellada arredor dun patio e na que destacan a lareira e cheminea, ben conservadas, e a antiga horta na parte traseira, hoxe aproveitada como un espazo adicional para as necesidades da institución. Resumindo, o conxunto da Casa dos poetas está formado por dous edificios diferenciados, urbano e rural, restaurados para os fins culturais da Fundación, tentando conservar na medida do posible a estrutura orixinal –como a varanda de madeira–.

Aspecto exterior da Casa dos Poetas, sede da Fundación Curros Enríquez

Na Casa dos Poetas diferénciase unha serie de espazos que dan boa conta dos obxectivos e da actividade da Fundación Curros Enríquez: as estancias da casa tradicional galega como memoria mais tamén espazo de actividades, a exposición permanente sobre o poeta do Rexurdimento, salas en lembranza doutros autores celanoveses como Celso Emilio ou Méndez Ferrín, estancias reservadas para exposicións temporais e a biblioteca-arquivo aberto á consulta.

Percorrido polas instalacións da Casa dos Poetas de Celanova

Grazas á exposición permanente o visitante é quen de coñecer a fondo a figura de Manuel Curros Enríquez, partindo das explicacións do contexto no que nace o Rexurdimento, e sen deixar de referirse a súa obra e aos aspectos mais destacados da súa biografía, como o multitudinario enterro que xa mencionara. A exposición baséase en paneis informativos, recursos audiovisuais e pezas orixinais, como os lentes do autor e algúns manuscritos. A Celso Emilio e Méndez Ferrín tamén se lles adican algúns recunchos, tal e como podedes observar nas fotografías. A visita é guiada, realizada polo persoal da institución, con carácter gratuíto.

Espazos expositivos da Casa dos Poetas

Rematada a visita a Casa dos Poetas, é momento de perderse polas rúas da vila. En diferentes puntos atoparemos paneis recollendo información e versos dos nosos protagonistas. Precisamente a miña xornada rematou cun paseo á tardiña, acompañada desa luz tan típica do inverno nas derradeiras horas do día, na procura de recunchos onde evocar aos poetas celanoveses.

Non deixemos que morra na lareira

o lume dos abós,

a terra e nós,

o mar e nós,

o vento e nós.


CELSO EMILIO FERREIRO. «Viaxe ao país dos ananos»

Paseo coa luz típica da tardiña para rematar a xornada

Remato a entrada con esta listaxe musical adicada a Celso Emilio. Trátase dunha selección de quince cancións en diferentes estilos –folk, pop, punk, rap, etc.– que musicalizan poemas do autor ourensán. Porque o certo é que da obra de Celso Emilio beberon e beben as letras de moitísimos artistas galegos, contemporáneos ao poeta mais tamén novos: Fuxan os ventos, Suso Vaamonde, Os Diplomáticos de Monte alto, Luar na lubre, Astarot, Bastards on Parade… Listaxe musical que non sería quen de completar sen a axuda de M.: moitas grazas, compañeiro.

Eu son un rei.

Un labrego no tempo dos sputniks.


CELSO EMILIO FERREIRO. «Longa noite de pedra»

BIBLIOGRAFÍA

CASARES, C. (1980). Curros Enríquez. Vigo: Galaxia

FERREIRO, C. E. (1973). Curros Enríquez. Madrid: Júcar

GONÇALES BLASCO, L. (2023). Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego. Vigo: Xerais

MARTÍNEZ RISCO DAVIÑA, L. (s. d.). Manuel Curros Enríquez. Real Academia de la Historia [online]

OREIRO PENSADO, X. (1995). Celso Emilio Ferreiro: o home e a obra. Vigo: Edicións do cumio

LIGAZÓNS

Fundación Curros Enríquez: http://www.currosenriquez.es/

Fundación Celso Emilio Ferreiro: https://celsoemilioferreiro.org/

«Aires d’a miña terra» en aberto: click

Cando se pon a lúa

tras d’os penedos

choran as estreliñas

todas d’o ceo.

Tamén eu choro

cando non m’e alumean

eses teus ollos.


MANUEL CURROS ENRÍQUEZ. «Aires d’a miña terra»

Algúns libros rescatados da biblioteca do meu pai

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s