«A Fernández del Riego, un gran divulgador» – María Berini

«O próximo mércores 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas e eu, desde que souben quen ía ser o protagonista, agardaba a chegada da data con moito entusiasmo. Sei que xa non vivirei a ledicia de renderlles tributo ás que considero pilastras fundamentais da cultura galega —como Álvaro Cunqueiro, o artista; Ramón Otero Pedrayo, o erudito; e Vicente Risco, a personaxe—, mais neste 2023 a celebración é ben especial, polo exemplo que supón o homenaxeado nesta particular teima que persigo desde hai anos.

Fernández del Riego, líder nos grandes proxectos culturais da posguerra —editorial Galaxia, revista Grial e Fundación Penzol—, para min foi, por riba de todo, un enorme divulgador de temáticas relacionadas con Galicia. E digo enorme divulgador porque nel conflúen as habilidades necesarias para se achegar ás xentes —sinxeleza, rigor, beleza e convicción— valéndose dunha gran variedade de medios —libros, artigo xornalísticos, gravacións, etc.—. E se eu creei a páxina web mariaberini.es foi cun soño, que non era outro que falar do noso patrimonio dunha maneira que contaxiase interese en coñecelo, como paso previo a amalo profundamente. Ilusión quizais inxenua, non si? Mais como dixo o gran fabulador de Mondoñedo «Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder o meirande dos tesouros do mundo», nun discurso de ingreso na Real Academia Galega no que precisamente Fernández del Riego, gran amigo da infancia, fíxolle a réplica.

Primeiro é necesario compromiso, despois concienciudo estudo e finalmente un exercicio de presentación, sincero e entusiasta, que pense en todas e cada unha das persoas. E do exemplo de Fernández del Riego aprendemos todos os que desexamos continuar ese labor que aínda necesita de moitas mans.

Feliz Día das Letras Galegas!»

MARÍA BERINI PITA DA VEIGA

Fernández del Riego nunha visita Buenos Aires no ano 1954

«Comezabamos daquela, paseniña, penosamente, os esforzos da posible reconstrución (…). Que días inesquecibles, de ilusión e de anguria, pasados naquel mundo dos nosos soños!»


FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. «Xeración Galaxia»

Libros de Fernández del Riego na miña biblioteca

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s