Arquitectura popular galega (I): os canastros de A Merca (Ourense)

Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga

Dun xeito un tanto fortuíto, despois dun ano cheo de viaxes pola provincia de Ourense, xurdiu a idea de comezar unha serie adicada á arquitectura popular. De cada vez, no camiño de volta á casa, os carteis da estrada sinalando a proximidade dos pendellos de Agolada, na comarca pontevedresa do Deza, tentábame a facer unha reportaxe individual, mais non foi ata descubrir a existencia dunha gran concentración de canastros –hórreos en español– no concello da Merca, que naceu na miña cabeza este proxecto conxunto.

Daquela a primeira parte desta nova serie comeza no concello ourensán de A Merca, moi próximo a capital da provincia e ben comunicado por autovías. Esta localidade xa fora protagonista dunha reportaxe en mariaberini.es, a conto da marabillosa igrexa románica de San Pedro da Mezquita, moi singular dentro do que se ven chamando románico rural. Esta vez, sen embargo, a temática da excursión foi ben distinta, e para explicala baseareime no impresionante traballo de Miguel Anxo Araújo Iglesias, bispo galego vencellado a este municipio por vía familiar, «A Merca: antropoloxía dun concello galego».

Canastros de A Merca na provincia de Ourense

Acontece coa arquitectura popular algo semellante ao que eu afirmaba cando escribía sobre románico rural. A historia e a identidade dun pobo explícase de xeito significativo e global cando temos en conta todos os elementos que o definen e describimos a todos os protagonistas, sen excepción. Cómpre, polo tanto, falar de grandes monumentos e importantes creadores, mais tamén daquel patrimonio que achega información sobre a vida e os costumes do pobo, en todos os seus estratos. Velaí está a importancia da arquitectura popular e dos museos etnográficos –dos meus favoritos, aínda que poida sorprender, dada a paixón que sinto polas artes–. Cos canastros da Merca ou os pendellos de Agolada evocamos as trafegas da vida diaria nas aldeas de Galicia. Esta é a razón de que, na miña opinión, sexan visitas tan emocionantes, nun plano sentimental, e moi importantes, desde o punto de vista histórico.

A singularidade da visita reside na alta concentración de canastros

Os canastros de A Merca foron agrupados no espazo que hoxe vemos –Campo da Feira, A Merca– na década dos anos 70, por decisión dos seus propietarios. A singularidade da visita reside na alta concentración destas construcións, máis de trinta, no mesmo espazo. Citan algunhas fontes de Internet que sería unha das máis amplas de Europa. E recolle Araújo unha reflexión importante: polo feito de non seren necesarios hoxe en día, xa non se constrúen canastros, e daquela estes constitúen unha verdadeira reliquia da arquitectura popular que debe ser protexida desde o punto de vista do patrimonio histórico-artístico. Segundo as noticias dos xornais provinciais como La Región, os canastros da Merca serán rehabilitados neste 2023 (enlace á nova).

A tipoloxía dos canastros é variada

Os elementos construtivos ao detalle: pedra, madeira e tellas

Partindo das explicacións de Araújo, o hórreo, tamén chamado canastro ou cabaceiro, ven sendo «unha casiña pequena erguida en varios pés e destinada a gardar e secar o millo antes de degrañalo para mandalo ó muíño», aínda que en xeral, podería utilizarse para almacenar calquera produto seco.

As medidas da construción poderían ser moi variadas en función da riqueza da casa. No relativo aos materiais empregados, o mais habitual era a madeira, aínda que algún construíase por enteiro en pedra. Por funcionalidade, a orientación do canastro tiña que ser pensada previamente, cara o sol e nun lugar ben ventilado.

O corpo de madeira adoita ser rectangular e vai sostido por catro ou máis pes de pedra, segundo a súa lonxitude. O tellado ou cuberta ten un sistema de armazón como o das casas, con trabes e balaústres verticais, e sempre vai a dúas augas con tellas no exterior. O piso do canastro tamén é de madeira e nun dos lados menores sitúase a porta, idéntica ao resto das paredes.

Base dos canastros

Funcionalidade dos canastros no interior

Tiven a sorte de poder desprazarme aos canastros de A Merca a primeira hora da mañá dun día laborable, polo que a tranquilidade para desfrutar da visita e facer a reportaxe foi total. E aínda por riba, despedinme do concello cun paseo por San Pedro da Mezquita, sen a obriga de repetir fotografías como nas últimas ocasións. Porque de cando en vez é un luxo poder fotografiar por pracer e máxime nunha aldea a que lle teño tanto gusto. A reportaxe sobre a igrexa pódese ler seguindo esta ligazón.

Tranquilo paseo por San Pedro da Mezquita

Se non estivésemos a falar de conxuntos, outros hórreos galegos salientables son os de Araño, Carnota, Lira ou Poio, segundo diferentes puntos de vista como lonxitude, capacidade, deseño, etc.

BIBLIOGRAFÍA

ARAÚJO IGLESIAS, M. A. (1997). A Merca: antropoloxía dun concello galego. Vigo: Ir Indo edicións

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s