Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga
–
«Cos brazos darche, /mil tenras voltas; / dicirch’o oído, / mil tenras cousas»
Eduardo Pondal
–
Poucas cousas gústanme máis na vida que aproveitar o tempo para mesturar nun mesmo plan varias das miñas paixóns: se nunha fin de semana podo desfrutar da historia, da literatura e da música son a muller máis feliz do mundo. E algo semellante acontece este verán, no que se están a suceder moitas aventuras nesa liña.
Hoxe quero falar dun romántico paseo por Ponteceso, roteiro literario específico sobre Eduardo Pondal, que fixemos nunha xornada matinal aproveitando o desprazamento á comarca de Bergantiños por mor da festa Asalto ao Castelo de Vimianzo —un evento sempre interesante, mais especialmente neste 2023 pola programación musical; hai anos xa lle adicara esta reportaxe na web—.
Son varios os puntos onde recordar a este poeta do Rexurdimento —movemento literario do século XIX en Galicia que recuperou o idioma propio para as letras despois de séculos de esmorecemento artístico—, coñecido polo alcume de «O bardo de Bergantiños», moi axeitado dado o seu gusto polo celtismo mítico. A pé ou en coche, no roteiro pondaliano son localizacións imprescindibles a visitar o monumento conmemorativo no centro da vila, a súa casa natal, o paseo fluvial polo río Anllóns e a parroquia de Cospindo, en cuxa igrexa foi bautizado o poeta e onde fica a sede da fundación que leva o seu nome. Rematar cunha vista panorámica da comarca de Bergantiños nalgún dos miradoiros espallados pola contorna penso que sería o colofón perfecto nesta homenaxe ao escritor, fondo namorado da natureza —ai, os pinos!— e autor do poema que lle da letra ao Himno Galego.
–
–
«Eu nacín en agreste soedade, / eu nacín cabo dun agreste outeiro / pr’onde o Anllóns con nobre maxestade / camiña ao seu destino derradeiro. / Eu non nacín en vila nin cidade, / mas, lonxe do seu ruído lisonxeiro; / eu nacín cabo de pinal espeso, / eu nacín na pequena Ponteceso.»
Eduardo Pondal
–
Eduardo María González Pondal foi bautizado dous días despois de nacer, un 10 de febreiro de 1835, na igrexa de San Tirso de Cospindo. Os seus pais eran veciños de Ponteceso, aínda que naturais de Laxe. Por vía paterna tiña un bisavó orixinario da provincia de Oviedo, mais concretamente de Lugo de Llanera, onde existía un lugar chamado «Pondal». Pola parte da súa nai, as orixes familiares atopámolas en Corme.
Os antergos de Pondal pertencían a clase fidalga e ocuparon diferentes postos de responsabilidade ―non só na Costa da Morte, senón mesmo en Portugal e Inglaterra como cónsules―. O poeta foi coñecido polo apelido materno, aínda que firmaba de moitas maneiras, incluso con seudónimos ―por exemplo, Arístides Valtierra―.
Como diciamos, Eduardo Pondal naceu en Ponteceso, no pazo galego fidalgo construído polo seu pai á beira do río Anllóns, a carón da ponte que cruza o río camiño de Laxe. O seu pai gañara cartos en Bos Aires, de onde regresou con certa fortuna no ano 1820. Gozaron dunha situación económica folgada, a pesar de seren sete irmáns. Eduardo foi o derradeiro de cinco mulleres ―Emilia, Xosefa, Eduarda, Xulia e Euloxia― e outro varón ―Cesáreo, que tamén emigrou á Arxentina―. Orfo de nai con pouco máis dun ano, as súas irmás encargáronse del. Tan só unha delas casou, mais sen ter fillos. En definitiva, os Pondal foron unha familia fidalga de aldea, pero puxante, polo que o noso protagonista desfrutou dunha infancia farturenta, sen problemas salientables.
–
–
«Cando eu era rapas / e a Quinto Curcio estudiaba, / para ir ao estudio / sempre saía da casa / montado sobre unha egua / a quen eu quería e amaba, / porque nacera como eu / na branca e doce morada / que a beira do río Anllóns / se estaba mirando nas auguas.»
Eduardo Pondal
–
No relativo a súa educación, Pondal recibiu as primeiras letras da man das súas irmás. Á idade de nove anos marcha da casa para seguir coa súa formación. Daquela non existían escolas medias no rural, polo que os nenos acudían ás casas dos cregos. O bardo asistiu á escola de gramática latina que tiña en Vilela de Nemiña o párroco de Touriñán don Cristóbal de Lago. Retornaba á casa familiar nas vacacións e ao remate da tempada de estudos. Pondal sempre recordou con ledicia esta etapa da súa vida e os amigos que nela fixo.
Para estudar o bacharelato, Pondal mudouse a Compostela, o centro espiritual e cultural da Galicia. Alí tiña sede a universidade, mais tamén o Instituto para aqueles estudantes que non vivían nas cidades. Corría o ano 1847 cando chega á cidade xacobea, onde fica moi impresionado coa catedral. Estuda o bacharelato e pasea con cregos, militares, profesores, señoritos e artesáns. Mais terá que voltar a Ponteceso por mor de doenzas físicas. Así, prepara as materias por libre e tan só se despraza á capital para examinarse.
Pondal estudará Mediciña na universidade compostelana seguindo o exemplo do seu tío Leandro Abrente, médico en Muxía. Remata a carreira no ano 1860 con nota de sobresaínte. Durante esta etapa, feitos históricos como os de 1846 ―os mártires de Carral― causánlle fonda impresión, e nacen nel sentimentos de liberdade e singularidade para o pobo galego, que reflicte xa nos seus primeiros poemas. Porque foi en Compostela onde se forxou a súa personalidade política. A vocación pola poesía, nacida na súa puberdade, consúmase nestes tempos. En 1853, tendo Pondal 23 anos, escribe os seus primeiros versos en castelán. Acotío sinte pulos creadores e intres de axitada inspiración que lle obrigan a sentar e botar o tempo escribindo.
–
–
Na Galicia son tempos de creación de liceos e ateneos, seguindo a moda de Madrid. Un exemplo en Compostela foi o Liceo de la Juventud. Alí xuntábanse militares, morgados, empregados oficiais e mesmo estudantes. Organizáronse bailes, actividades culturais ―como lecturas de poesía ou representacións teatrais― e discutíanse modas. Pondal acude a este liceo e xúntase con persoeiros da época. Neses espazos tamén asistían rapazas, como a poeta Rosalía de Castro, que alí leu os seus primeiros poemas. Pondal foi un home apaixonado que tivo experiencias amorosas en Santiago e un xeito de vida do que el mesmo se arrepinte tempo despois. Segundo Murguía, Pondal fora un home de boa figura, en conxunto galán e aristócrata, aínda que sufriu un deterioro significativo por mor daquelas paixóns da mocidade. A súa personalidade introvertida fixo que tivera poucos amigos, aos que, sen embargo, se entregaba se así o necesitaban, e o mesmo agardaba o bardo deles. Destes tempos mozos de Pondal cómpre salientar a súa participación no singular Banquete de Conxo, organizado por unha parte da mocidade estudantil con arelas reformadoras. O noso protagonista participa nel, xunto con outras figuras como Aurelio Aguirre, un 2 de marzo de 1856. Escribe un poema, «Brindis», en exclusiva para dito evento.
Como médico exerceu en Ferrol, probablemente durante tres anos. Logo marcha a Madrid, onde aproba as oposicións á Sanidade Militar. Obtén destino en Asturias, aínda que non lle gusta ―vémolo nas cartas que lle escribe ao seu amigo Murguía―. Auséntase do traballo cun permiso pola morte do seu pai e regresa a Ponteceso. Mais non se ha reincorporar nunca: primeiro daranlle por ausente, e mais tarde causará baixa no corpo. Corre o ano 1864. A partir deste momento adicarase en exclusiva á poesía. Leva unha vida provinciana, xa que apenas sae de Galicia, e decote sufre neurose, un mal tan da época romántica. Entre 1860 e 1870 le moito aos clásicos, especialmente os franceses.
–
–
«E ti, campana de Anllóns, / que vagamente tocando / derramas nos corazóns / un bálsamo triste e brando, / de pasadas ilusións.»
Eduardo Pondal
–
Un 2 de xullo de 1861 teñen lugar na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia, organizados pola condesa de Espoz y Mina, doña Juana de Vega, e polo historiador ferrolán Benito Vicetto. Publicáronse todos os traballos presentados, de diferentes xéneros, no «Álbum de la caridad». Pondal achega o seu primeiro poema en galego, «A campana de Anllóns», tras os versos escritos ata o momento en castelań. Influíra a amizade co matrimonio Rosalía-Murguía nesta opción pola lingua galega? O certo é que neste momento publica o seu primeiro libro, «Rumores de los pinos» (1877), como obra bilingüe, mais no futuro ha escribir exclusivamente en galego. De feito, en 1886 sae do prelo «Queixume dos pinos», poemario íntegro na nosa lingua.
A Ponteceso e Santiago habemos engadir a cidade da Coruña como espazo predilecto na vida de Pondal. Alí pasará tempadas, habitando en fondas, escribindo poemas e gozando da compañía de intelectuais contemporáneos. Cómpre destacar a amizade de dúas persoas: Murguía e Carré Aldao. Pouco sabemos da vida de Pondal nas últimas tres décadas da súa vida, xa que viviu de xeito independente e moi illado da sociedade, á que consideraba soinamoina e superficial. Mais pola súa correspondencia sabemos que con Murguía e Carré mantivo una fonda amizade. Na imprenta deste último deixou Pondal a famosa maleta co manuscrito do poema épico «Os Eoas», hoxe custodiado pola Real Academia Galega. Malia súa personalidade solitaria, o bardo foi socio de número da RAG, membro do Casino de la Coruña, do Centro Galego da Habana, da Sociedad Económica de Amigos del País, etc. Obtivo importantes recoñecementos, como o da Academia da poesía española, que lle nomeou académico honorario un 4 de novembro de 1910, con presenza dos irmáns Antonio e Manuel Machado, ademais de Valle-Inclán, paisano e admirador de Pondal.
Na Coruña tivo lugar outro importante encontro que me gustaría salientar, as xuntanzas da chamada «A cova céltica», unha irmandade de intelectuais reunida acotío na trastenda da librería que fundara Andrés Martínez Salazar ―editor da ben recoñecida Biblioteca Gallega―, mercada tempo despois por Carré Aldao, e que ficaba primeiro na rúa Luchana ―hoxe Riego de Auga―, e despois no número 30 da rúa Real. A xuntanza recibira ese nome como alcume, con intención retranqueira, xa que o grupo tivera unha liorta con outro semellante xurdido na cidade de Pontevedra e liderado por García de la Riega. En «A cova céltica» falábase das artes e letras de todo o mundo, e dos intereses galegos no eido da cultura, con presenza de Murguía, Pondal, Galo Salinas, Tettamancy ou Pérez Costales. Aínda que non compartisen os ideais celtistas, puntualmente tamén acudiron Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán ou Marcelo Macías. Neste tipo de xuntanzas foi onde se coceu a idea do Himno Galego, baseado nun poema de Pondal e posteriormente musicalizado por Pascual Veiga, a iniciativa de Xosé Fontenla, emigrante na Habana, onde foi estreado.
–
–
«Se non for na Ponte-ceso / sepultádeme na Cruña, / nesta garrida cibdade / que mil belezas aduna, / a cabo do insigne Curros, / xa que a d’el y-a miña musa / a fala de Breogán / fixeron nobre e robusta: / Eu quero xacer de par / de tan nobre sepultura…»
Eduardo Pondal
–
O bardo de Bergantiños fina na Coruña o día 8 de marzo de 1917, nunha habitación do hotel «La luguesa», sito no número 21 da rúa Juana de Vega. No seu testamento manifesta a rela de ser enterrado xunto a Curros Enríquez, malia o seu illamento e as súas diferenzas ―Curros referírase a el como «o esgotado Pondal» na recensión dun libro de poesías de 1887; Pondal ofendeuse, aínda que, por volta do regreso de Curros a Galicia en 1904, estando el doente en Ponteceso, adicoulle un poema no que gaba ao autor celanovés, titulado «Coma os corvos de Xallas vagoroso»―. O enterro de Pondal non foi tan multitudinario como o de Curros ―non sorprende tendo en conta o carácter máis social e comprensible para o público que tiña a obra do ourensán fronte a de Pondal, simbolista, culta e mitolóxica―. Con todo, os xornais fixéronse eco da noticia. No cabodano do seu pasamento, organizouse unha homenaxe na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos de La Coruña. Xuntáronse cartos para erguer un monumento nos xardíns de Méndez Núñez, reunidos grazas á recadación nunha obra de teatro e o aportado pola asociación referida e o concello.
–
–
A obra de Pondal, aínda que non demasiado extensa, foi analizada e obxecto de crítica literaria no resto de España, América e Francia. A piques estivo de ser traducida ao francés, logo dun artigo publicado por Pardo Bazán, «Poetas galiciens. Le barde Eduardo Pondal». O profesor e editor Emmanuel Contamine de Latour escribiulle a Pondal, interesado en ter a súa obra, aínda que tan só sabemos que Pondal lla envía. O noso protagonista tamén mantivo contacto co polígrafo andaluz Francisco Rodríguez Marín ―recoñecido estudoso de Cervantes―, xa que este estivo moi interesado no folklore das diferentes rexións españolas. As críticas negativas a súa literatura baseáronse nun celtismo non compartido e na súa suposta base separatista, aínda que sabemos que Pondal nunca defendeu teses soberanistas.
Por último, cómpre facer un resumen da súa obra publicada. A carreira literaria de Pondal, como diciamos, non foi cuantiosa, tendo en conta os anos que viviu e que se adicou en exclusiva á poesía. Primeiro publicou poemas en castelán en xornais e revistas. Carballo Calero xuntou algúns en 1961, nunha obra titulada «Versos iñorados e esquecidos de Eduardo Pondal», que incluía 26 poemas casteláns, 47 galegos e 7 petiscos de «Os Eoas». En 1971 publícase outra recensión, titulada «Novos poemas», na que se recollen 18 poemas casteláns, 49 galegos e 6 petiscos de «Os Eoas». Do noso protagonista existen moitos máis poemas, espallados por América, de difícil recuperación. En vida de Pondal publicáronse libriños de poemas en follas, ata que no ano 1895 volven saír do prelo algúns, na imprenta de Carré Aldao, incluído o que fora o primeiro en galego, «A campana de Anllóns». Como xa temos referido, en vida do autor publicáronse dous libros: «Rumores de los pinos», con 21 poesías bilingües, e «Queixumes dos pinos», un alongamento e superación ideolóxica, artística e lingüística do anterior. Dezaoito anos despois de morrer, a RAG, a quen Pondal doara todos os seus manuscritos, publica «Queixumes dos pinos» con 38 poemas máis. Pondal foi traducido ao inglés en 1922, no «Spanish Galicia» de Aubrey F. G. Bell, e pola fotógrafa Ruth Mathilda Anderson en 1939, na obra «Gallegan provinces of Spain, Pontevedra and La Coruña».
–
–
Bibliografía
FERREIRO, M. (1991). Pondal: do dandysmo a loucura (biografía e correspondencia). Santiago de Compostela: Laiovento.
RICÓN VIRULEGIO, A. (1981). Eduardo Pondal. Vigo: Galaxia.
–