Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga
–
Terceiro episodio da serie «Historia da música galega», desta vez adicado á música folk, concretamente aos grandes festivais deste xénero que se desenvolven na nosa terra, maioritariamente durante o verán. Nos capítulos anteriores xa teño dito que a música é unha das miñas grandes paixóns desde que son nena, polo que se cadra non é estraño que esta temática teña cada vez maior presenza na web. Primeiro foron os 50 anos de Fuxan os Ventos, efeméride que deu lugar a unha exposición en O Vello Cárcere de Lugo e mais na sede Afundación de Compostela; despois tocou falar do punk galego a conto do documental «Semente de berrar»; e hoxe gustaríame facer un repaso á historia deses festivais nados a finais dos anos setenta e principios dos oitenta, Ortigueira, Pardiñas ou a Carballeira de Zas, froito das inquedanzas dun grupo de xente que arelaba crear espazos de encontro cultural mais, por riba de todo, recuperar a nosa música tradicional. Aínda que daquela os medios económicos e a sociedade eran ben diferentes, eses grandes festivais da música folk, logo de mudaren coa lóxica do tempo, gozan de tan boa saúde que son piar imprescindible no panorama cultural da Galicia.
–










–
–
O Festival de Ortigueira, de pioneiro e cita internacional
O Festival de Ortigueira nace como tal en 1978, ano no que ten lugar a primeira edición. Nesta pequena vila mariñeira xurdira tempo atrás unha iniciativa pioneira e exemplar pola recuperación da nosa música: a Escola de Gaitas de Ortigueira. Formaban parte deste grupo persoas nun futuro tan relevantes como Xabier Garrote. Logo dunha viaxe ao Festival de Lorient, na Bretaña francesa, no ánimo do colectivo xurde a idea de organizar un encontro semellante en Galicia. Testemuñas daqueles primeiros tempos contan ―vémolo no documental que se estreou polo 40º aniversario e que adxunto ao final da entrada― que os organizadores agardaban a asistencia de mozos e mozas da comarca do Ortegal e mais de Ferrol, pero nunca as case dez mil que pasaron aquel verán polo primeiro Festival de Ortigueira. Non podo reprimir a emoción de imaxinar a eses grupos de amigos que, como no caso da miña nai, xuntáronse en Ortigueira co ánimo de pasar un bo rato desfrutando da música a do ambiente deste evento tan novo. Un 30 de xullo de 1978 leu o pregón do primeiro festival nada máis e nada menos que Xosé Filgueira Valverde e quen había imaxinar daquela o que nese intre estaba a nacer para a historia da música e da cultura galega.
–




–
A historia do Festival de Ortigueira divídese en etapas moi diferenciadas. Desde 1978 ata 1987 o festival ten lugar ano a ano con notable éxito, superando os vinte mil asistentes nalgunhas edicións, ata a súa definitiva cancelación a finais dos oitenta. Os problemas na xestión do presuposto e no liderado da organización supuxeron un lastre sen arranxo posible entre as administracións. Nin tan sequera a veciñanza se opuxo a desaparición do evento, alegando que trouxera problemas de convivencia relacionados coas drogas e o alcol. Desde o principio Ortigueira foi lugar de encontro de persoas orixinarias de diferentes puntos da xeografía, non só española senón tamén europea, especialmente das chamadas nacións celtas, moitas delas movidas por inquedanzas musicais mais, por riba de todo, atraídas pola oportunidade de viviren uns días en comunidade e estreito contacto coa natureza.
–






–
Con todo, o concello de Ortigueira tenta recuperar o festival e, grazas ao apoio das institucións, no ano 1995 a música folk volve a Ortigueira. Configúranse neste momento as características que hoxe definen o evento, como a organización de actividades paralelas e a acampada no piñeiral-praia de Morouzos. A xestión profesional logra os seus froitos e, co novo milenio, Ortigueira preséntase xa como un gran festival que atrae a mais de cincuenta mil persoas e no que tocan músicos de prestixio internacional, ademais dos mais senlleiros da música galega como Milladoiro ―os que mais veces subiron ao escenario de Ortigueira― ou Carlos Núñez. Así, non tardan en chegar os recoñecementos ao labor do festival a prol da cultura, como a distinción como Festa de Interese Turístico Internacional no ano 2005 ou o Premio da cultura galega no 2014. Hoxe a ninguén colle por sorpresa que as cifras de asistencia non baixen das cen mil persoas.
–









–
Por suposto, edición tras edición non pode faltar a actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira, nun cartel repartido en varias xornadas con presenza musical de todas as chamadas nacións celtas, isto é, Galicia, Asturias, Bretaña, Irlanda e Escocia. Hoxe en día, mais aló dos concertos celebrados no escenario do peirao, a programación tamén inclúe pasarrúas diarios, desfiles especiais ―xa é todo un clásico da miña vida asistir ao desfile das nacións o derradeiro domingo do festival―, feira de artesanía, obradoiros de baile ou instrumentos musicais, e mesmo exposicións fotográficas.
–









–
Boa parte do éxito do Festival de Ortigueira reside na particular experiencia, case poderiamos dicir paralela, que se desenvolve no piñeiral de Morouzos, xunta a praia. Miles de persoas acampan neste marabilloso espazo natural, onde xurde unha singular comunidade con postos de comida e artesanía, onde ademais de descansar na compañía dos amigos e de xentes vidas de todo o mundo, nunca falta unha «rave» que alongue a festa ata que o corpo aguante. Pouco mais podemos escribir sobre o cosmos de Morouzos, porque ata que non pasas por el, non es quen de entendelo.
Escribo sobre Ortigueira cun entusiasmo inxente, por mor do recordo da miña nai, mais tamén por outro ben especial, xa que menos de doce horas antes do exame final nas miñas oposicións a mestra, o Festival de Ortigueira foi ese lugar onde descansar e deixar bulir as ideas, ás portas dun lance tan importante. Coido que para min será difícil desconectar emocionalmente do Festival de Ortigueira…
–













–
–
O Festival de Pardiñas, familiar e auténtico
Tan só un par de anos despois do nacemento de Ortigueira, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz organiza o primeiro Festival de Pardiñas. Foi no ano 1980 cando xurde este evento imprescindible para a música e a cultura galega, da man do crego don Alfonso Blanco Torrado. Nado en Uruguai, como tantos fillos da emigración galega, don Afonso representa ese compromiso coa lingua e a tradición que non entende de estratos. Fundador e coordinador de Xermolos, sen a súa figura non poderiamos entender todo o que aconteceu despois neste pequeno oasis da Chaira. Como ben comenta nesta entrevista a profesora e escritora Sabela Núñez Singala, pregoeira na edición do 2023, o festival evolucionou desde o chamado Domingo de Merendas ata a actual programación repartida en tres días ―venres de cantos de taberna na vila, e sábado e domingo de concertos, feira de artesanía e mostra de instrumentos tradicionais na contorna natural do Balneario de Pardiñas, a carón do río que lle da nome―. Os que, coma ela, asisten case desde o comezo, han sentir moita fachenda porque, se algo segue a ser Pardiñas, é un encontro cultural tremendamente auténtico.
Soa a paradoxo bautizar como familiar un evento cun contido tan fondo e variado. Porque só hai un Festival de Pardiñas, no que reina un ambiente cálido, próximo e ledo, pero arredor del teñen lugar multitude de dinámicas salientables: actuacións musicais do folk en todas as súas variantes, unha feira de artesanía con presenza de artesáns e comerciantes de diferentes eidos, acampada, almorzos e foliadas espontáneas ao aire libre, obradoiros temáticos, xogos infantís dirixidos, pezas de teatro e monicreques… sen esquecer esa mostra de instrumentos tradicionais que diciamos, punto de encontro de luthiers orixinarios de toda a península, que neste 2023 cumpre trinta anos en activo e a cal, desde o meu punto de vista, é por si soa razón suficiente para achegarse ata Pardiñas nos primeiros días de agosto. O Festival de Pardiñas é, en definitiva, un evento moi especial, familiar e auténtico. Este ano gocei especialmente da escoita de Radio Pardiñas, iniciativa nas ondas, cunha programación semanal moi interesante durante o festival ―e ata gañei un sorteo que organizaron!―. Que si, que dou fe de que o dito popular «Pardiñas, dasme a vida!» éche ben certo!
–


































–
–
Da Carballeira de Zas a outras citas pola xeografía galega
Que afortunados somos de podermos desfrutar de dúas citas tan singulares pero diferentes, pola contorna e o ambiente, unha no mes de xullo, Ortigueira, e outra no mes de agosto, Pardiñas. Longa vida a ámbolos dous, mais a oferta de festivais arredor da música folk non remata con eles. No concello de Zas, na Costa da Morte, ten lugar outro evento senlleiro: a festa da Carballeira. O xerme deste encontro tivo lugar nas xuntanzas populares baixo os carballos do Souto o derradeiro domingo de agosto, celebración do Santísimo Sacramento no pobo. A impulsora da Carballeira de Zas como evento singular foi a Asociación Cultural Castro-Meda. Non sen dificultades, por seren vistos como competencia das festas oficiais, o festival nace como tal no ano 1986, desta vez na carballeira de Velar e a comezos do mes de agosto. Hoxe en día mantense como un evento musical ―aínda que a gastronomía e o compoñente social son moi relevantes― dunha soa xornada, que aposta por ofrecer un cartel adicado a música folk mais actual. Non só a duración diferénciao das outras citas referidas, senón tamén a obrigatoriedade de mercar entrada, fronte a gratuidade de Ortigueira e Pardiñas. Con todo, a Carballeira de Zas é outra das citas imprescindibles do folk na Galicia á que lle teño moitas ganas.
O meu obxectivo agora era facer referencia a outros festivais que apostan pola música folk, mais ―gracias a Deus, pois é sinal da boa saúde do xénero― son tantos os que apostan pola música tradicional, que non son quen de facer unha listaxe con presenza equitativa das diferentes comarcas galegas. Porque, ademais, a música folk xa non é propiedade exclusiva de festivais específicos, senón que está presente en eventos de moi diversa índole. Se coñeces algún que pague moito a pena, encantaríame que mo fixeses saber cunha mensaxe. Agardo que a miña asistencia a este tipo de citas musicais se manteña por moitos anos!
–
–
Bibliografía e outros recursos
Libros infantís, fotográficos, monografías e guías turísticas
BARCÓN PEÑA, J. (2005). O Festival do mundo celta de Ortigueira. Etno-folk, revista galega de etnomusicoloxía, 3, pp. 125-146.
CARREIRO, P. (2005). Os bolechas van o Festival de Ortigueira. Vigo: A Nosa Terra.
FERNÁNDEZ CONDE, S. (2018). Agora entramos nós: Voces Ceibes e a canción protesta galega. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
FERNÁNDEZ REGO, F. (2019). Unha historia da música en Galicia: 1952-2018. Vigo: Galaxia.
FERNÁNDEZ REGO, F. (2022). Suso Vaamonde: a canción libre e comprometida dun pobo. Vigo: Galaxia.
FRAGA COSTA, S. (2022). Fuxan os ventos: 50 anos de historia. Santiago de Compostela: Consorcio da cultura galega.
LOBATO, X. (2003). Festival de Ortigueira. A Coruña: Deputación Provincial.
SAAVEDRA, D. e CARMONA, A. (2022). Festivales de España. Madrid: Anaya Touring.
VÉLEZ BARREIRO, M. (2012). El Festival de Ortigueira como puente musical entre los países celtas: un caso de estudio de producción cultural. Garoza, revista de la Sociedad Española de Estudios Literarios de Cultura Popular, 12.
Páxinas web
- Historia da Carballeira de Zas na páxina web oficial
- Páxina web oficial do Festival Internacional do Mundo celta de Ortigueira
- Festival de Pardiñas en turismo.gal
Audiovisuais
- Entrevista a don Alfonso Blanco Torrado, emitida en Radio Pardiñas durante a edición de 2023
–
–
–