Texto: María Berini Pita da Veiga / Fotografías: fonte indicada
–
Partindo de que a música é unha das miñas grandes paixóns desde que teño uso de razón, gravísimo erro cometo dándolle tan pouco espazo nesta páxina web. Tería que retroceder ata 1997 para explicar como unha nena de oito anos, sen contacto algún co xénero, chega ata o rock dun xeito fortuíto para non abandonalo xamais, pero estaría a me desviar do tema…
–

–
A cuestión é que nada nesta vida é froito da casualidade cando estamos a falar de fondos namoramentos e, uns anos despois do rock, ata a vida daquela moza chegan os seus derivados, como o punk. Inevitablemente, o primeiro contacto estivo centrado no principal polo do xénero en España, é claro, o País Vasco e Navarra, a través de bandas como La Polla Récords, Eskorbuto, RIP, Parabellum ou Cicatriz, que naceran da man de selos discográficos como Soñua u Ohiuka e grazas a unha forte infraestrutura de estudos e salas de concertos. Mais un tempo despois entra na biblioteca da nosa casa un libro, «Punk, pero, ¿qué punk?: guía incompleta del punk nacional», un elaborado traballo de Tomás González Lezana sobre a pegada deste estilo musical no territorio español. Grazas a esta obra fun consciente de que, co paso do tempo, o punk traspasou as fronteiras daquela terra tan fecunda nos anos oitenta.
–




–
Punk que se espalla ata Madrid, Cataluña, Andalucía… e Galicia? Nas páxinas daquel libro non atopo información algunha sobre a sorte do punk na nosa terra, exceptuando unha mención ao punk mongoloide dos Siniestro Total. E menos mal que para encher ese baleiro pouco tempo despois chega «Semente de berrar: ruído e rúa» de Iago Santás. Este documental supón o pulo definitivo as miñas –lentas e coitadas– tentativas de coñecer o punk galego. Ata o momento estes intentos limitáranse a navegar polas plataformas de música en streaming ou a escoitar as recomendacións dalgún punkarra adiantado que se cruzou por azar no meu camiño. Quen ía pensar que a música galega escribira tan bos capítulos na historia do punk…
–


–
«Semente de berrar» analiza o desenvolvemento deste xénero musical en Galicia a través de testemuños directos dos seus protagonistas, nun marco cronolóxico que vai desde o ano 1981 ata a actualidade. O documental divídese en varios capítulos, partindo dese contexto de fanzine e o DIY no que nacerá unha variada escena, subsidiaria, autoxestionada e protagonizada por uns colectivos musicalmente amateur pero con moitas ganas de falar. Neste repaso non faltan referencias o papel do fútbol, das drogas, da insumisión á mili ou das primeiras okupacións na xénese do movemento punk da Galicia.
O director afirmou nunha entrevista que todo comeza cos primeiros elepés de Siniestro Total, moi punkies daquela. Co tempo, aínda mudando de estilo, esta banda galega de rock convertiuse na máis recoñecida polo gran público e ven sendo a que traballou dun xeito cen por cen profesional ao longo desta historia. Porque a realidade é que a meirande parte dos líderes daquel movemento revolucionario atópanse hoxe afastados dos escenarios.
–





–
Gustaríame salientar o caso de Radio Océano, un grupo nacido na Coruña e liderado por Xosé Manuel Pereiro, irmán do recoñecido poeta Lois Pereiro, un dos meus escritores favoritos se falamos de literatura contemporánea. Concordo co Santás en que a música de Radio Océano –sinistra e marabillosamente punk– nada ten que envexar a creada por outras bandas españolas dos oitenta. «Narcisismo», un dos temas mais coñecidos de Radio Océano, baséase nun poema de Lois Pereiro e desde o meu punto de vista reflicte á perfección a esencia daquel primeiro punk, tan puro, tan fondo. A banda coruñesa gravou diferentes maquetas e tamén participou en traballos colectivos, ata publicar no ano 1986 o seu único elepé, «Nin falta que fai», logo de gañar un concurso de Radio Nacional de España.
–



–
E cómpre falar tamén de dúas bandas nacidas no Vigo dos 90 e que chegan ata actualidade sendo referencia do xénero: Skacha e Keltoi! A cidade olívica é protagonista, musicalmente falando, da historia recente de Galicia, como polo da chamada Movida pero tamén doutro tipo de músicas independentes a contestatarias. Keltoi e Skacha publicaron numerosos traballos ao longo da súa intermitente traxectoria, algúns deles ao mellor nivel do punk estatal, como «Casco vello» (1998) ou «Skacha» (1999) nos comezos, e «A nosa cinza» (2010) ou «A ferro e lume» (2006) máis recentemente. Tiro na testa, a banda formada en Lalín a finais da década, tamén é merecedora deste recoñecemento por facer un punk moi potente.
–


–
Nos anos da movida viguesa acadaron bastante sona os The Killer Barbies de Silvia Superstar, rockeiros clave na historia da música galega, dando boa conta disto o traballo de Fernando Fernández Rego titulado «Unha historia da música en Galicia (1952-2016)», froito de máis de nove anos de investigación. E imposible falar de todos, pero non quero deixar de nomear eses grupos que sendo minoritarios abriron novos e importantes camiños, como quenes fixeron música desde o rural –escribiríamos entón un capítulo adicado ao chamado Rock bravú– ou punk en feminino, pois excepcional foi o caso da banda viguesa Voces de ultratumba, formada íntegramente por mulleres. Despois falaríamos de Desvirgheitors, Skarmento, Soak… e moitos máis.
–



–
«Semente de berrar» non se esquece dos primeiros concertos do movemento en Galicia –como diciamos marcados pola autoxestión–, pero tamén daqueles festivais que foron xurdindo, como o Freixo ou o Castanhazo, e mesmo de importantes locais para a música punk como o Bar-Tolo de Compostela. Na actualidade, o principal reclamo dos grandes festivais punk-rock en España –Pintor, Viña ou Tsunami, por citar algúns– seguen a ser esas bandas estatais consolidadas no xénero desde hai moitos anos e mesmo grupos estranxeiros de fama mundial. Con todo, é posible escoitar galegos facendo punk dentro da escena local, maioritariamente en concertos conxuntos dentro de salas independentes, aos que tento acudir na medida das miñas posibilidades. Moi variados en estilo poderíamos nomear aos Bule, Crise, Harry May, Bala, Maldizer, Banda do atraco ou Bastards on Parade, sen mencionar os grupos que mesturan ao noso protagonista co folk ou o ska, porque a listaxe ampliaríase ata o infinito.
–

–
«Semente de berrar» deixa claro que o punk en Galicia merece unha sentida homenaxe. Sirva esta pequena entrada para contribuír a mesma finalidade berrando ben alto… longa vida o punk galego! Como resumen de corenta anos de punk en Galicia, inserto esta listaxe con dez cancións escollidas de xeito persoal.
–
–
Publicación especialmente adicada ao punkie que teño na casa: grazas por ser esa fermosa casualidade musical na miña vida!
–
Ligazóns:
- Noticia sobre Semente de Berrar e entrevista a Iago Santás (click)
- Outra noticia e entrevista (click)
- Semente de berrar no programa Zig Zag da TVG (click)
- Trailer de Semente de berrar (click)
- Teaser 1 (click)
- Teaser 2 (click)
- Mercar DVD de Semente de berrar (click)
–

–