Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga
–
A miña recente visita ao Culturgal e a proximidade do Nadal lévanme hoxe a publicar un novo capítulo desta serie, xa clásico da web nestas datas. Desta volta, na proposta de posibles agasallos, os protagonistas son clásicos traducidos ao galego, grazas ao bo momento que estamos a vivir neste eido cun fato de editoriais novas apostando por estes produtos.
Hai anos sería impensable que eu firmase unha publicación así. Cantas veces me teño atopado con clásicos traducidos en librerías de vello e pensar «para que gastan tempo e cartos en traducións se xa os temos en español?». Mais pola miña profesión de mestra mudei o punto de vista. Comecei a ver o asunto como unha verdadeira —e necesaria polo ben dos meus alumnos— oportunidade de aprendizaxe. Moito teño mellorado en habilidade lingüística grazas á lectura destes clásicos traducidos, á vez, claro está, que desfrutaba do meu xénero favorito. E se aínda por riba apoiamos empresas locais —editoriais, distribuidoras, librarías— que máis podemos pedir!
Se polo Nadal pensas agasallar a alguén cun libro, ben sexa un adulto que gosta de ler en galego, ou un neno que está en proceso de aprender o idioma, por citarmos un par de casuísticas, velaí vai un feixe de propostas centrado nas novas editoriais, sen esquecer, por suposto, ás que xa camiñan nesta dirección desde hai tempo. Aínda que o catálogo en tódolos casos é moi diverso, centrareime nos produtos, na miña opinión, máis interesantes.
–
–
–
AIRA EDITORIAL E OS CLÁSICOS ILUSTRADOS
A editorial Aira nace no ano 2017 en Allariz —sobre este precioso pobo ourensán tedes na web unha reportaxe recente—, da man da libraría Aira das Letras. Descríbense a eles mesmos como editores tras ser lectores, dos que lle dan importancia ao contido, mais tamén ao libro-obxecto. As publicacións de Aira, destinadas a diversidade de públicos e traballadas en todos os xéneros, son especiais en continente e contido. Desde o meu punto de vista, Aira Editorial sobresae pola vistosidade e orixinalidade dos seus libros ilustrados. E se falamos de clásicos, no seu catálogo podedes atopar «O relato de Arthur Gordon Pym» de Edgar Allan Poe, «O misterio do cuarto amarelo» de Gaston Leroux, «Frankenstein» de Mary Shelley ou «Heidi» de Johanna Spyri. Na miña biblioteca, grazas ao lote de libros doados no premio de microrrelatos de Ozoco, «Unha noite no tren da Vía Láctea» de Kenji Miyazawa e «Vidas imaxinarias» de Marcel Schwob. Todos necesitamos recibir un agasallo orixinal, así que non dubides e bótalle unha ollada a súa oferta de clásicos.
–
–
IRMÁS CARTONÉ, EDICIÓNS ROMÁNTICAS QUE PERDURAN NO TEMPO
Totalmente especializada en clásicos traducidos, nace no 2014 Irmás Cartoné. Con sede en Santiago de Compostela, é o proxecto persoal de Carlos Valdés e Celia Recarey. O principio fundamental que sustenta a Irmás Cartoné non pode ser máis axeitado e necesario nestes tempos: producir libros que perduren no tempo, a un ritmo humano, adicándolle o tempo preciso «a cada tradución, a cada cuberta, a cada libro e cada caderno». No seu catálogo atopamos obras de moitas autoras famosas como Edith Warthon, Charlotte e Anne Brontë, Jane Austen, Mary Shelley ou Virginia Woll, mais tamén doutros clásicos como os grandes Stefan Zweig, H. G. Wells, Joseph Roth ou Émile Zola. Marabillosas son as cubertas con ese toque romántico que para min xa é selo distintivo da marca. En Irmás Cartoné merco libros para a miña colección de clásicos vitorianos e, en xeral, obras das autoras máis afamadas da literatura clásica. Cun agasallo de Irmás Cartoné acertaredes seguro, porque son máis dos que pensamos os apaixonados da literatura que se desfruta devagar.
–
–
–
A FAKTORÍA K DE KALANDRAKA, PRÁCTICA E INQUEDA
A editorial Kalandraka non precisa de presentación, posto que xa é un clásico do mundo editorial galego. Mais penso que igual non é tan coñecida a colección «Faktoría K». Que ofrece? Libros contemporáneos pero que xa con clásicos, editados cun formato moi limpo, visual e práctico: «1984» e «A granxa dos animais» de George Orwell, «Un espléndido mundo novo» de Aldous Huxley, «A transformación de Kafka» ou «Pan con xamón» de Charles Bukowski. Kalandraka nutre á miña biblioteca con novelas distópicas, un xénero que non adoitaba estar entre os meus favoritos pero que grazas a esta oferta editorial comecei a coñecer. Seguro que acertades con este agasallo, porque todos temos algún amigo que gosta destas lecturas inquedas, canto menos.
–
–
–
RINOCERONTE EDITORA, O LUXO DE TER UN CLÁSICO
A pioneira nisto de existir para traducir clásicos foi Rinoceronte Editora. Naceu no ano 2005 en Cangas do Morrazo e por iso hoxe dispón xa dun catálogo moi diverso, con ata oito coleccións diferentes. Pero a miña debilidade chámase «Magna» e conta tan só con dous títulos polo momento: «Oliver Twist» de Charles Dickens e «Crime e castigo» de Fiódor Dostoyevski. Auténtico luxo en tapa dura de tea, ilustracións, tipográfica e calidade da tradución. Paga a pena cada euro invertido en ter uns libros coma estes nos andeis da biblioteca persoal. E falando do Nadal, estariamos ante un agasallo súper especial para alguén moi especial. Pensa ben a quen vai dirixido, porque non o ha de esquecer. Eu agardo con moita ilusión a chegada do terceiro título á colección, no 2024. Porque tamén son importantes os autorregalos, non si?
–
–
–
GALAXIA E XERAIS, CLÁSICOS EN SENTIDO ESTRITO
Os «Sonetos» de William Shakespeare na Editorial Xerais e a «Consolación da Filosofía» de Boecio, as «Cartas» de Cicerón e as «Metamorfoses» de Ovidio na Editorial Galaxia son algúns dos clásicos traducidos que se poden atopar nas dúas empresas máis antigas do mundo editorial galego. Dirixidas a un público máis concreto, completan o labor de dotar o mercado de todo tipo de clásicos. Sen estas obras traducidas, a oferta quedaría orfa de títulos clásicos en sentido estrito.
–
–
–
Grazas ao grupo de Mestres/as de Galicia no Facebook, xa que foron algúns dos seus membros os que me informaron do panorama de clásicos traducidos, hai un tempo, cando agromou en min tan necesario interese. E grazas tamén a eses familiares que me teñen regalado algúns destes libros, favoritos xa da miña biblioteca.
–
–
Ligazóns