Texto: María Berini Pita da Veiga
–
Cuarto episodio da serie Historia da música galega, e quinta reportaxe adicada á música se contamos a publicación sobre a Ruta Eskorbuto en Santurce. Con paixón e entusiasmo continúo a escribir sobre esta temática, vendo o bo resultado que acadan estas entradas. Seica hai fame de contidos musicais minoritarios… Ou é mais ben ―oxalá!― que somos moitos mais dos que pensamos os que habitamos nestes mundos?
–
(…) De todos estes sitios e de moitos máis, naceu, cun aturuxo na boca, este rock tan noso… SEN CAPAR.
Manifesto bravú

–
Unha reflexión a modo de introdución
Achégase a fin do ano 2023 e iso supón, musicalmente falando e sempre no contexto da Galicia, celebrar o 30º aniversario do movemento bravú. Para moitos nenos e nenas nados, coma min, nos oitenta, a palabra bravú conecta co Xabarín Club, o senlleiro programa da TVG de debuxos animados en galego. Porque no eido deste fenómeno infantil publicáronse unha chea de cancións interpretadas polos grupos que naceran baixo esta etiqueta, e que son a verdadeira banda sonora da nosa infancia. Que dicir dese «Churras, churras churras… pero que ghalo é?» ou do «Estou na lavadora, estou na lavadora…» cortesía dos Heredeiros da Crus ou O Caimán do Río Tea…
Mais co tempo, segundo unha foi medrando fisicamente e tamén en madurez, intereses e coñecementos, o bravú presentouse como un interesante fenómeno musical e sociolóxico a analizar. Éche ben suxestiva a frase coa que adoitan retratar ao movemento, «de cando as guitarras chegaron ás aldeas», non si? Co gallo do trinta aniversario do seu nacemento naquel Castañazo de Chantada, cómpre facer unha viaxe no tempo pola xénese e o desenvolvemento dun feito tan singular na historia da música galega. Entrada a de hoxe que é lembranza e homenaxe a tres décadas de música sen programa, sen uniforme… pero con moito amor á lingua e á arte. Nada máis ―e nada menos―!
–


–
Co termo «bravú» fan referencia, nalgunhas comarcas galegas, ao sabor e o cheiro da carne de caza, e, en xeral, a de toda a carne sen capar. Noutras zonas adoitan empregar palabras semellantes como «bravío» ou «bravún». Moi axeitada esta voz para retratar a un movemento musical destas características. Nacido nunha xuntaza polo Castañazo Rock de Chantada ―da que falaremos máis adiante―, co tempo empregouse para facer referencia a musica resultante de mesturar raíz popular co rock. Daquela falamos de música rural? Festeira? Nacionalista? Non. Estes adxectivos son insuficientes, pois non reflicten a realidade toda. O bravú naceu da man de xente nova, farta de non atopar referentes próximos no campo da música rock. Porque nin rock cantado en inglés, nin ecos da Movida. Bravú quixo ser outra cousa. Novidade. Autenticidade.
Como en todo, non faltou quen quixo ver oportunismo e falou de etiqueta con interese comercial. Tanto nos ten: hoxe sabemos que, arredor do termo bravú e grazas a el, uníronse moitas bandas baixo o paraugas dun movemento. Movemento o cal, se ben podía ser unha entidade ficticia, impediu caer a moitas bandas no limbo dos tempos e no límite das súas aldeas, como preludio ao esquecemento. Nunha terra tan afeita ás orquestras de verbena, o bravú foi unha revolución necesaria. E o importante: que estamos a falar dunha corrente dirixida polos seus propios protagonistas, antes de que os manipuladores de masas fixesen das súas, quitando e engadindo bandas e (mal)definindo o asunto.
Bravú. Un só nome para mil acepcións: agropunk, romanticismo vergallán, rock irmandiño, arrroutada, música castrapa, rock aghreste… Non saíron adiante gravacións colectivas ―como o frustrado proxecto sonoro «Unión bravú»―, mais si unha revista, a «Bravú», e por riba de todo ese feixe de discos e actuacións que son pasado e presente ―aínda― da nosa música.
–







–
Unha breve historia do rock bravú
Cando nos tempos da Transición agroman en Madrid e outras grandes cidades as primeiras bandas de rock, Galicia está lonxe de toda aquela leria. Houbo Movida en Vigo, si. E tamén moita singularidade se falamos de Siniestro Total, Os Resentidos ou Radio Océano. Logo veñen os tempos do Rock Radical Vasco no País Vasco e Navarra. Manu Chao comeza a súa carreira musical en Francia. E chegan as guitarras ás aldeas de Galicia a comezos dos noventa. Nace o bravú.
Nace o bravú da man dun grupo de rapaces moi novos. Non todos se coñecían entre eles, pero si compartían referencias musicais: The Pogues, Os Satélites, Pucho Boedo ou Nego Gorriak ― Kortatu―. Sen esquecer a Fuxan os Ventos ou A Roda. E respectando sempre aos maiores que abriron camiño, como Xosé Manuel Pereiro e os Radio Océano, ou os membros de Siniestro Total e Os Resentidos. Ningún vivía da música, pois os nosos protagonistas eran electricistas, mariñeiros ou panadeiros. Non tiñan unha infraestrutura detrás, nin contaban co respaldo dun selo. As salas non vían posibilidade de ganancia nas súas actuacións. E cos medios pouco podían contar, pois o rock non tiña prestixio algún.
Por iso o bravú ten moito de autoxestión e independencia. Procuraron as súas actuacións en festivais e outro tipo de eventos organizados por eles mesmos. Chamaron a porta de selos totalmente independentes como Edicións do Cumio, Can Records ou Sons Galiza. Na TVG apareceron no programa «Sitio distinto» de Antón Reixa e mesmo no «Clipmanía» de Mon Santiso, mais en horario imposible.
O bravú lévanos ata bares ou tabernas espalladas por toda a xeografía galega. O Caballeros de Viana en Chantada; o Tumbadiós de Compostela; ou o Parrús da Coruña. Porque se na Movida a cidade protagonista foi Vigo, co bravú imos para A Coruña. E non é unha contradición falar de bravú e grandes cidades: porque como ben testemuña a banda coruñesa Os Diplomáticos de Monte Alto, a historia das urbes non se entende sen os barrios, onde a poboación ten as súas orixes maioritariamente nas aldeas.
–


–
Coa desculpa dun magosto, o día 1 do mes de Santos no ano 1993 nace o festival Castañazo Rock en Chantada, organizado polo grupo local Rastreros. Nel participan os Diplomáticos de Monte Alto e ámbolos dous falan de como poderían unir a todos os grupos novos que están a nacer, ben espallados por Galicia adiante. Acordan convocar unha segunda xuntanza ao ano seguinte, que ha de levar o nome de «Primeiro Simposio Mundial sobor do Rock Bravo, bravú ou arroutado».
E así chegamos a data clave: o 31 de outubro do ano 1994, a nosa efeméride. Na taberna Caballero ―coñecida como do Sistema― de Viana, en Chantada, ten lugar unha gran xuntanza: Rastreros, Os Diplomáticos e un feixe de bandas como os Skornabois de Lourenzá, Impresentables de Vimianzo, O Caimán do Río Tea de Ponteareas ou Yellow Pixoliñas de Monforte, entre outras. Tamén acudiron periodistas como Alberto Casal ou escritores como Manolo Rivas. Comeron cocido e regaron a sobremesa con augardente e licorcafé. Xurdiu un debate e firmouse o chamado «MANIFESTO DE VIANA» cos principios que habían de definir o movemento. Ao día seguinte tivo lugar un concerto con seis bandas no cartel, entre elas Heredeiros da Crus ―fóra do movemento por vontade propia, mais dentro do mesmo por natureza―.
–


–
Nos anos seguintes producíronse máis xuntanzas en Chantada, nas que incluso participou o cantautor punk aragonés Manolo Kabezabolo. E máis vida musical alí e acolá. Un proxecto de disco conxunto, o «Unión bravú», baixo a batuta de Suso Vaamonde en Edicións do Cumio, con cancións achegadas por todas as bandas; proxecto que quedou frustrado por non cumprir as expectativas de algúns. Os marabillosos discos do Xabarín Club, aos que xa me teño referido. E unha chea de concertos e festivais, dos que poderiamos citar moitos exemplos. O convocado por Pinto de Herbón en outubro do 95, cos Diplomáticos, Manu Chao ou Mercedes Peón. O Día da Galicia Tropical en Lyon, no agosto do 97, grazas a un Castromil que se foi enchendo de viaxeiros en Madrid ou Barcelona. A Feira das Mentiras en xullo do 98 en Compostela. Ou a festa de Barcelona naquel mesmo ano. Música e máis música.
–


–
Grupos presentes ―e ausentes― no movemento
Como diciamos, por vontade propia algúns grupos renuncian a etiqueta bravú, como Heredeiros da Crus ou Yellow Pixoliñas. Pero podemos falar de moitas outras bandas e personaxes vencelladas ao bravú: Os Bochechiñas, o Coro dos Rozadores de Santa Cristiña de viso, Desfeita, Diglósicos & Porco Jones, Os impresentables, Kaos, Marisol Man Furada, Os Papaqueixos, Pinto de Herbón, Ruinbois, Ruxe ruxe, Xenreira, Mercedes Peón ―a princesa do bravú―; e escultores, deseñadores, realizadores de vídeo… Pola importancia na xénese e no desenvolvemento posterior da corrente, cómpre falar polo miúdo dos Rastreros e dos Diplomáticos de Monte Alto.
Os Rastreros.- The Ramones en NY, Sex Pistols en Londres, La Polla Records en el País Vasco… e Rastreros en Chantada. Chamábanlle agropunk antes de nacer o bravú e eran os organizadores do Castañazo Rock. Naturais das aldeas de Viana, Esmoriz e Camporramiro (Chantada, Lugo) catro rapaces, Xesús, Marcos, Xulio e Xoán, sen idea algunha de solfexo, coinciden na tasca Bar Miño e deciden montar unha banda de rock. Corre o ano 1989. Mercan instrumentos de segunda man, o máis baratos posible. Adoptan un nome que ven do que lles decía un xastre comunista da zona: «sodes uns rastreiros». O primeiro ensaio ten lugar nunha corte da aldea de Quintá e, como ben dixo un dos asistentes, as vacas non deron nin gota de leite. O seu primeiro concerto tivo lugar en Vigo, no ano 1991, para Radio Piratona. Gravan unha maqueta logo, «Non lle toque-lo rabo á vaca, que pensa que é boi». No ano 92 os veciños subvenciónanlles un EP de catro temas, «Perigo! Animais ceibes», nado nun estudo de Vigo. Gravarán outros catro temas máis grazas a acadar o segundo premio no Concurso Pop-Rock do Xacobeo 93. E o primeiro álbum chega en 1996, cun gaiteiro xa presente na banda, e levou o título de «Rastreros. A piñón fixo, a golpe de pixo». Máis tarde virán os discos do Xabarín, a colaboración con Dixebra nun disco colectivo a prol do asturianu e máis lumes nunha carreira musical intermitente que aínda resiste. Na edición deste 2023 do Castañazo volveron subir ao escenario. Punk rural e outras lerias para o mundo.
–





–
Os Diplomáticos do estado de Monte-Alto, unha nación ao pé dun faro (…).
Suso de Toro
–
Os Diplomáticos de Monte Alto.- O grupo máis representativo do bravú é, sen dúbida, Os Diplomáticos de Monte Alto, orixinarios do barrio coruñés do que toman nome. Tamén estamos ante a banda que máis gravacións de longa duración ten publicado e a que conseguiu o respaldo de selos de distribución estatal. Un dos seus membros é o recoñecido Xurxo Souto, cerebro do bravú, un home que destila paixón e entusiasmo, organizador infatigable de eventos, activista, etc. Falando da historia do grupo, Os Diplomáticos publican a súa primeira canción, «Non chas quero», a comezos dos noventa, como cabeceira dunha radionovela da Radio Galega. Así, entran en contacto con Antón Reixa, que edita o primeiro disco, «Arroutada pangalaica», que complementan coa xira «Cajo na tos». Cando o seu selo é devorado por unha multinacional, néganse a gravar en castelán. Eles ao seu. Autoeditan «Arroutada dous. Parrús», posteriormente reeditado por Fonomusic. Trátase dun disco composto por dez cancións intensas e aceleradas, adicado a Arsenio Iglesias e presentado no Liceo de Monelos á vez que a seu primeiro vídeo. Pouco despois chega un segundo vídeo de 27 minutos, no que contan coa participación do propio Arsenio e de Mercedes Peón, titulado «Tralla brava, os fillos de Pita». Ao longo dos anos virán a luz máis discos, como «Arroutada tres. Avante toda!», da man do productor de Negu Gorriak e presentado na Rúa Cega da Coruña baixo o lema «Viño, empanada e paixón». Foi o disco que recolleu as ideas atlantistas e do punkismo máxico, do que foran precursores os membros de Radio Océano. Dentro de este disco atopamos cancións tan senlleiras como «Gaiteiro». No ano 99 chegará outro disco, «Capetón» e algúns sinxelos máis no novo milenio. Mais o que mellor definiu aos Diplomáticos foi a súa presencia en reunións, conferencias, programas de radio e todo tipo de celebracións singulares a bordo dun tren, dun catamarán e mesmo dun camión. O 2023 abriuse coa noticia da morte de Mangüi, o eterno baixista da banda. As homenaxes sucedéronse, destacando por riba de todas o concerto colaborativo «Mangüi sempre en nós», dentro das Festas de María Pita da Coruña. A continuidade dos Diplomáticos vémola na Banda Xangai, liderada polo incombustible Xurxo Souto.
–



–
O 30º aniversario
Nada sabemos aínda sobre as actividades que han organizar os protagonistas polo 30º aniversario. Anticipaba Xurxo Souto, nunha entrevista hai unha semanas, que haberá celebración, sempre mirando ao futuro, cun ton creativo e non nostálxico. Cabe supoñer, polo tanto, que o caso non quedará nunha xuntanza bañada en lembranzas. Atenta estarei ás novidades. Mais unha cousa teño ben clara: que desta vez non quedarei sen vivir a experiencia do Castañazo Rock en Chantada. Onde mellor que alí?
Adxunto algunhas imaxes do que supuxo o 20º aniversario, no ano 2014, por se somos quen de adiviñar o que ven. E para rematar, unha listaxe con 5 clásicos para ir ampliando nestes meses…
–




–
–
BIBLIOGRAFÍA
VALIÑO, X. (1999). Rock bravú. A paixón que queima o peito. Vigo: Xerais
LIGAZÓNS
Entrevista a Xurxo Souto na que fala do 30º aniversario do bravú
–