Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga
–
Tempo atrás iniciara esta serie, adicada a persoeiros da historia da Galicia, coa intención de divulgar a vida de galegos pouco coñecidos pola sociedade malia, desde o meu punto de vista, seren especialmente singulares. Logo de falar de Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos, político e mecenas dos grandes autores do Século de Ouro —Cervantes, Lope de Vega, Quevedo—, hoxe a protagonista é unha muller, Ilduara Eriz/Eiriz, tamén coñecida como Aldara de Celanova. Ilduara, como salienta o título da reportaxe, foi unha aristócrata galega do século X, recoñecida principalmente como nai de San Rosendo, bispo galego do que xa falara na entrada «Los diez episodios más…» por ser figura sobranceira na historia da Galicia medieval.
Para poder estudar a significación da nosa protagonista afondei nos rigorosos traballos publicados sobre a súa figura, dentro dos cales cómpre salientar os de María del Carmen Pallarés. A historiadora aclara no limiar da principal monografía publicada que, malia a sombra xeral que tingue a historia das mulleres en tempos pasados, de Ilduara temos bastantes novas grazas á documentación conservada. Os documentos proceden do tumbo do mosteiro de San Salvador de Celanova mais tamén é significativo un documento haxiográfico do século XII, firmado polo monxe Ordoño de Celanova, recolledor da tradición de San Rosendo.
Que a documentación sexa ampla non quere dicir que se dispoña de información suficiente para elaborar unha biografía. Descoñécense aínda moitos datos sobre a vida de Ilduara, datos sobre o seu nacemento, casamento, morte… Con todo, a intencionalidade da monografía empregada, reflectir a realidade social e a historia das mulleres na Galicia do século X, facilita unha visión integral do tema, como paso previo a poder ofrecer nesta reportaxe un resumen da vida de Ilduara con énfase nos lugares xeográficos. Non esquezamos que velaí está a esencia de mariaberini.es: os roteiros temáticos, esas viaxes históricas que tratan de poñer en valor o noso patrimonio.
Hoxe a viaxe pola historia da Galicia mediaval levaranos ata as terras de Portomarín, Chantada, Celanova ou Vilanova dos Infantes. A estrutura da reportaxe respecta a esencia da monografía estudada, dividida en catro apartados.
–











–
–
1. A paisaxe e os espazos xeográficos
Dos documentos medievais conservados obtemos información sobre a visión espacial e da paisaxe que se tiña no século X, moi vencellada ao universo cotián. Os lugares son mencionados con referencia á aldea, ao río que discorre por ela e aos vales e montañas que pechan o horizonte.
Pouca información temos sobre o nacemento e os primeiros anos de Ilduara, filla de Ero e Adosinda. Ero foi conde en territorio lucense a finais do século IX, por nomeamento do rei Afonso III. Tempo despois recibiu como encargo unha «comissio», desta vez en tempos de Ordoño II. Polo tanto, as terras da infancia de Ilduara situámolas en Lugo. Naquel territorio, os seus pais, Ero e Adosinda, fundaron o mosteiro dúplice de San Salvador de Chantada. Ero chegou a fundar un segundo mosteiro, tamén dúplice, o de Ferreira de Pallares, coa súa segunda esposa.
Ilduara casa con Gutier arredor do ano 890 e sabemos que a parella residiu durante algún tempo en Salas. Existen diversas hipóteses sobre a localización deste espazo: algúns autores apuntan a que estaría situada en terras asturianas e mesmo galegas, mais as teses maioritarias sitúano en Portugal.
No ano 916 Gutier faille unha doazón importante a Ilduara. O obxecto foron terras situadas en Galicia e en Asturias. Por riba de todos os bens incluídos, interesan os referidos a dúas localidades, por seren residencia da parella: «Portum Marini» e «Uillanova», é dicir, Portomarín e Vilanova (dos infantes). Estas aparecen mencionadas en moitos documentos, tales como a doazón do rei de Galicia, Sancho Ordóñez, a Gutier, esposa e fillos; o reparto de bens no ano 934, feito polos fillos de Gutier e Ildura; ou a doazón de Ilduara, xa viúva, ao mosteiro de Celanova no 938, por citar algúns.
Na vida de Ilduara atopamos tamén territorios hoxe fóra da nosa comunidade: Portugal, O Bierzo, Zamora… Hai que ter en conta que nestes tempos aínda latexaba a idea xermánica da Gallaecia, máis rica en extensión que a da Galicia actual. Despréndese de todo isto que os bens do matrimonio formado por Gutier e Ildura estaban marcados pola dispersión, típico na nobreza da época. Sen embargo, as terras de Portomarín e Celanova son as verdadeiras protagonistas. Ilduara e os seus fillos manifestaron sempre interese nos mosteiros de Portomarín, e exemplo disto foi a solemne reunión de magnates, bispos e abades no ano 927, coa presencia documentada de Ilduara. Porén, é Vilanova onde estiveron mais presentes, de acordo cos testemuños conservados. Na contorna da casa de Vilanova Ilduara e San Rosendo fundan o mosteiro de Celanova e, na mesma localidade, o mosteiro de San María, onde a nosa protagonista pasará os derradeiros anos da súa vida.
Por último, cómpre sinalar que Ilduara coñeceu tamén os ecos da cidade antiga: Lugo, Ourense e incluso Coimbra, xa que na conquista desta última participou activamente o seu sogro Hermenegildo.
–





–
–
2. A súa xente
O sistema de herdanza vixente no século X contemplaba o reparto igualitario entre fillos e fillas e a transmisión de bens por liña materna, entre outras singularidades. Isto explica a significativa presenza feminina nos encabezamentos dos documentos. Os nomes femininos son maioritariamente de orixe xermánica, e nunca dobres, pois ese sistema non arraigou ata os séculos XI e XII. Malia a abundancia en mencións, non é doado o estudo da muller medieval.
Sabemos que a figura de Ilduara estivo estreitamente conectada ada familia real leonesa. O seu sogro, Hermenegildo Gutiérrez foi un home relevante na corte. Doutra banda, a irmá de Gutier, Elvira, foi a esposa do rei Ordoño II. O suposto casamento dunha filla de Munio con Sancho Ordóñez, rei de Galicia, cuestión moi discutida entre os historiadores, está hoxe descartada. Con todo, quédanos clara a posición de Ilduara como cadea nas relacións entre estas dúas familias aristocráticas e reguengas.
O matrimonio no século X entendíase como un contrato civil, de acordo coa tradición visigótica. Intercambiábanse os aneis e redactábase unha escritura, a chamada «titulum dotis». Na muller o esposo buscaba pracenteira relación carnal, cualidades no carácter, conduta moral, posición social, etc. Sen embargo, temos probas para afirmar que a elección da esposa era una decisión persoal, aínda que o home recibise consello por parte de varóns axeitados para tal fin. Documentos como a concesión de Gunterigo a Guntroda en 926, dan conta diso, polas bonitas verbas que lle adica a súa dona. A voda como acto público ante a comunidade de fieis, sacramento no que participa a figura do sacerdote, instáurase tempo despois (para aquel que estea interesado nestas cuestións, existe un traballo de Ermelindo Portela e María del Carmen Pallarés sobre e Igrexa do medievo). Despois da «titulum dotis» podían realizarse mais doazóns. De feito, Gutier transfírelle a Ilduara bens adquiridos por el despois do matrimonio, o que reflicte a boa relación da parella. Gutier afirma estar feliz por ter abundancia na vida: elevado berce, boa presenza, saúde excelente e a beleza da súa santa esposa. Tan só lle preocupaba a falta de fillos.
O documento haxiográfico do século XII, no que Ordoño de Celanova recompila a tradición sobre San Rosendo, recolle polo miúdo a dificultade de Ilduara para ter fillos. Sabemos que finalmente, despois de moitas ofrendas e tentativas malogradas, o matrimonio de Gutier e Ilduara vese colmado coa descendencia anhelada. Por un documento do ano 934 coñecemos os nomes dos seus fillos: Rosendo, o futuro bispo, e Munio, Froila, Adosinda e Ermesinda. A cuestión de quen foi o primoxénito aínda é controvertida entre os historiades.
Daquela o papel de nai estaba centrado no parto e na crianza dos fillos durante os primeiros anos de vida. Aproximadamente, ao cumpriren os 7 anos, os varóns marchaban á casa dun nobre ou á corte do rei para completaren a súa formación, se non escollían a vida relixiosa, o que os levaba a entrar nun convento. Aínda que cada un tomara o seu camiño, todos os testemuños parecen dar conta da boa e estreita relación que Ilduara tivo cos seus fillos e fillas.
Das doazóns de Ilduara e San Rosendo ao mosteiro de Celanova tamén obtemos amplas e precisas referencias aos obxectos de uso doméstico: colchas, coxíns, manteis, vaixela, mobles, lámpadas… A dona nobre ordena e dirixe a casa, pero ten ao seu servizo criados domésticos. Sabemos da existencia de Muzalha, serva de orixe musulmá que foi ama de cría de San Rosendo.
–






–
–
3. Propiedade e poder
Pola súa posición de aristócrata, as funcións da Ilduara proxectáronse non só no ámbito doméstico, senón tamén na propiedade —xestión do patrimonio familiar, como as terras explotadas— e no poder —toma de decisións que afectan a unha comunidade—. A meirande parte da documentación que empregamos como fonte ten orixe monástica e fan referencia a actos xurídicos, é dicir, o acto polo que unha propiedade se integra no patrimonio ou deixa de estar nel. Velaí, unha vez mais, a dificultade á hora de poder analizar o papel histórico dunha muller como Ilduara. Tampouco axuda descoñecer a magnitude das propiedades.
Así e todo, o patrimonio do grupo familiar formado por Gutier, Ilduara e os seus fillos e fillas, podería clasificarse segundo a orixe dos bens: I) Por un lado temos os bens que Ilduara herdara da súa familia, sobre os que, de acordo coa «lex gotica», mantivo a capacidade de disposición. II) Doutra banda, están os bens gananciais do matrimonio, sobre os que Ilduara tivo sempre capacidade, participando plenamente da súa evolución. III) Finalmente, atopamos os bens sobre os que non tiña dereito, pero que con posterioridade gaña grazas á expresa doazón do seu esposo. Na viuvez, Ilduara procurou coidar e acrecentar o patrimonio familiar, aínda que as doazóns a mosteiros e o reparto entre fillos fragmentárano de xeito significativo.
A participación de Ilduara na xestión do patrimonio e na toma de decisións non é directa e persoal, senón por riba de todo como esposa o nai de condes. Ata o século XI, antes da chegada do feudalismo, a tradición sostiña unha monarquía de orixe divina e carácter público. Entre as funcións da coroa estaba a dirección da guerra, a protección da Igrexa ou a aplicación do Dereito. Sen embargo, os reis necesitaron a colaboración da nobreza, ben na corte ou ben facéndose representar por medio deles nas diferentes demarcacións, aínda que sempre como unha delegación de poderes orientada ao servizo do rei, nunca para intereses particulares. Esta delegación non era herdable, e temos bo exemplo na concesión do rei Alfonso IV a Gutier para os condados de Quiroga, Saviñao, etc. E como participou Ilduara en todo isto? Na actividade militar, por ser propia de varóns, non tivo presenza, aínda que logo se beneficiara dos botíns de guerra. Na administración de xustiza, sen embargo, tomou parte, pois aparece mencionada en varios documentos. Sen embargo, o exercicio de poder máis claro vémolo nun documento do ano 942, polo cal Ramiro II confire a Froila, o fillo de Ilduara, o goberno de diferente territorios «baixo tutela» da propia nai. Queda clara a confianza que suscita a nosa protagonista neste documento que recoñece o seu prestixio.
–

–
–
4. Formación cultural e relixiosidade
Como filla de nobre con dignidade condal, Ilduara tivo acceso a unha boa educación. Esta recibíase normalmente na propia casa, da man dos pais ou de preceptores particulares, aínda que tamén podía adquirirse nas escolas monásticas, tanto no caso dos nenos como das nenas.
O instrumento básico de ensino era o libro. Aprécianse os libros polo seu contido, mais tamén como obxectos sacralizados e mesmo para embelecer as residencias. A importancia vémola nas ricas doazóns que se lle outorgan aos mosteiros. Ilduara e San Rosendo doaron libros a Celanova. Ilduara en concreto aportou o Salterio e o Goticum, coleccións de leis visigodas. Este feito da boa conta da súa preparación cultural, xa que se trataba de libros de uso privado. Á nutrida biblioteca de Celanova puido ter acceso a nosa protagonista: nela podía consultarse a Biblia, a Historia eclesiástica, libros sobre as peregrinacións de Exeria, acerca da Trindade de Santo Agostiño, etc.
Outro sinal da personalidade letrada de Ilduara é o feito de que ela subscriba de forma autógrafa nos documentos. Non se conservan os orixinais, mais resulta significativo que os copistas do tumbo de Celanova trataran de imitar o signo. Temos exemplo de documentos nos que participa, confirmando e asinando: I) No 925, cando Gutier e Ilduara executan o testamento de Gundulfo; II) No 927, na asemblea celebrada en Lugo con presidencia de Sancho Ordóñez e Afonso IV, a conto da restauración do mosteiro de Santa María de Loi; III) No 928, a súa propia doazón ao mosteiro de Celanova; etc.
No que concirne á relixiosidade, no século X estamos nun momento histórico de gran vínculo entre as familias fundadoras e os mosteiros. A estreita relación entre os monxes e os laicos remóntase á tempos dos visigodos, pois foi moi característica a reacción antiepiscopal do século VII e seguintes. Nos séculos IX e X os mosteiros desempeñan o seu papel evanxelizador, mais tamén dispoñen dun amplo poder económico e social. Ilduara interviu decisivamente na vida de varios mosteiros, como os de Loio, Portomarín, Celanova, Vilanova… Cómpre lembrar que xa os seus pais, Ero e Adosinda, foran fundadores de cenobios. Ela herda esas inquedanzas espirituais. No referido documento de doazón ao mosteiro de Celanova, firmado no ano 928 sendo xa viúva, da conta da función expiatoria no encabezamento, pensada para o marido finado. Tamén hai que ter en conta o interese na fundación do mosteiro de Santa María en Vilanova, no que pasa os seus derradeiros anos.
Interesa deterse un intre nunha cuestión relevante: o papel de Ilduara na reforma do seu fillo San Rosendo. Ata o momento, era habitual a existencia de mosteiros dúplices. A sobriña política de Ilduara, Guntroda, foi abadesa dun cenobio desta tipoloxía, o de San Martín de Pazó. Esta posibilidade é un síntoma moi significativo do papel da muller, exercido nun plano de igualdade respecto dos homes, e ás veces incluso por riba deles. Sen embargo, o grupo familiar de Ilduara sitúase na liña dos clérigos carolinxios, críticos coa duplicidade dos mosteiros. A reforma de San Rosendo apostou pola estrita separación. Sinala a historiadora Pallarés que, aínda que nos custe entendelo, a postura de Ilduara foi a dunha muller de futuro, atendendo aos tempos, pois se aliña coa Igrexa e a imaxe da futura muller feudal, custodiada, programada, e baixo vixilancia e represión.
Como diciamos, Ilduara participou activamente na fundación do influínte mosteiro de Celanova, aínda que non se introduce na vida monástica pola prohibición da duplicidade introducida coa reforma de San Rosendo. Para as mulleres funda o mosteiro de Santa María en Vilanova. Temos escasa información sobre esta fundación, aínda que sabemos que xa existe por un documento de 956. Preto de Vilanova dos infantes, no lugar de Santa María, a finais do século XIX aínda existía unha capela de traza semellante á de San Miguel —xoia a que lle adiquei esta reportaxe—. Do antigo mosteiro feminino consérvanse algúns modillóns: un está reempregado nunha casa da contorna e outro atopámolo nos fondos do Museo Arqueolóxico de Ourense. Por vontade do seu fillo San Rosendo, Ilduara entra no mosteiro de Celanova unha vez morta, abandonada a corporalidade humana. Así consta no epitafio do seu sepulcro.
–






















–
–
Bibliografía:
PALLARÉS MÉNDEZ, M. C. (2004). Ilduara, una aristócrata del siglo X. A Coruña: Edicións do Castro
–
–

–
–