Texto: María Berini Pita da Veiga
Sabiamos que o mes de novembro viría cargado de celebracións polo 30º aniversario do movemento bravú. Eu xa o adiantara naquela reportaxe dedicada á historia deste xénero musical tan singular (podedes lelo aquí): habemos de estar pendentes da axenda porque de seguro teremos leria. E logo de vivirmos a experiencia do Festival Castañazo Rock —tan relevante na xénese do bravú— cumpría participar nesa homenaxe en forma de documental titulada «Bravú XXX». Producido por Nós Televisión e con guión de Ana Viqueira e Xurxo Souto, quen tamén exerce de condutor do relato, «Bravú XXX» non é unha arroutada nostálxica, porque como ben se di nos primeiros minutos da cinta, isto non é unha efeméride de vitrina. Non, ho!
–

–
O documental comeza co clásico berro do líder d’Os Diplomáticos de Monte Alto, Xurxo Souto: «Medre o bravú!». Trasladámonos a un estudo de gravación e un grupo musical formado por rapazas novas interpretan, nunha nova versión, un clasicazo bravú e himno do Xabarín Club, o «Estou na lavadora» da banda de Ponteareas O Caimán do Río Tea. Desde a miña butaca, na sala de vídeo do Edificio de Usos Múltiples de O Burgo (Culleredo, A Coruña), penso: «Guau, isto comeza forte!»
Despois desta descarga rockeira, Xurxo monta no coche e percibimos cal é o fío condutor do documental. Vai visitar diferentes puntos da xeografía galega antes da gran xuntanza cos fundadores do movemento alí onde todo comezou, na «taberna do sistema», o Cabaleiro de Viana, aldea do concello de Chantada. Porque naquel curruncho un feixe de bandas foron convidadas a unha xuntanza fundacional, aproveitando a celebración do II Festival Castañazo Rock. Corría o ano 1994. Foi Richi, membro da banda local Os Rastreros, quen lles envía unha carta coa proposta. A meirande parte daqueles músicos non se coñecían. O que veu despois daquela comida a base de cocido e ben regada con licores xa é historia da música galega.
–

–

–
En «Bravú XXX» a primeira parada desa viaxe preparatoria é A Coruña. Souto camiña pola rúa da Torre entoando a letra dunha canción referida ao barrio de Monte Alto, antes de entrar na Sala Mardigras. Alí agarda Paola Beiro das Garotas de Ribeira, formación que espallou o bravú ata Barcelona. Paola foi pioneira do rap en galego. Falan ás claras eses versos tan seus: «Nesta terra de mulleres que sementan berberechos na ribeira e patacas na eira». Despois de charlaren sobre o movemento, Paola agasalla a Souto cunha pandereita, para que a leve á xuntanza de Chantada. Rematan botando unha peza: Maruxa!
Na Coruña Souto ten outros encontros musicais. Nunha terraza Nuno Pico de Grande Amore, intercambia unhas verbas con el. Pico lembra como de rapaz non tiña moito interese no bravú, aínda que saía no seus libros de música e era un xénero ben recoñecido. Foi grazas ao grupo Skornabois, paisanos da Mariña coma el, que comezou a valorar a vangarda que trouxo o bravú á música galega.
Continúan as visitas coruñentas. Non podía faltar saúdo ao líder de Radio Océano, Xosé Manuel Pereiro. Esta banda, xunto con Os Resentidos e Siniestro Total, foron precursores do movemento bravú. No local A Buserana Pereiro e Souto lembran aquel concerto en Lyon, convidados por Manu Chao, ao que asistiron subíndose a un Castromil e no que a estrela indiscutible foi a señora Xosefa, Josefa de Bastavales, pandereteira. Enriba da mesa Pereiro mostra os catro números da Revista Bravú, unha iniciativa rebelde que xa tivera toda unha declaración de intencións na portada e nos propios contidos do primeiro número, «Selección xa!». Os dous músicos concordan en que hai que levar a revista a xuntanza de Viana. E rematan, como non, cantando «Como o vento».
–


–
No estudo A casa do rock, co encontro con María Xosé Silvar, cantautora coñecida como SÉS, Xurxo vai introducir un novo elemento no relato: o dos fillos do bravú e a xeración Xabarín. Sés e Souto disertan sobre a importancia do idioma no movemento e a idiosincrasia do mesmo. Pensábase que a lingua galega era para o folk e pouco máis. E co bravú, nunha verdadeira actitude punk, demostrouse que se podía molar facendo música —aínda por riba rock!— en galego, superando o que ela chama autoodio. Sés admira o eclecticismo d’Os Diplomáticos, a quen compara con The Clash. E salienta que no bravú non había pose. Agasalla a Xurxo cunha corna, para que non falte ese son tan característico na xuntanza chantadina.
O vehículo de Souto, agora si, muda de rumbo. Ben de kilómetros en dirección sur porque a seguinte parada é Vigo. Outros fillos do Xabarín, os Vacalouras de Teis, agardan na sala Artik. Proxéctanse os carnés de socios de Victor e Xosé Luis, antes de reflexionaren sobre os tabús rachados polo bravú. Foron tres: que o galego non vale para o rock, que o rural e o urbano son dous mundos separados, e que Vigo e Coruña hanse de odiar mutuamente. Entoan todos xuntos o gran himno vigocoruñento da Banda Bravú Shangai, logo de entregarlle como agasallo o cartel da alcaldía de Teis. Que vivan os barrios, en definitiva.
–


–
Bravú foi ska, foi punk, foi rock, foi orquestra, foi verbena… Cantos grupos galegos na actualidade fan da fusión o seu estandarte. 30 anos antes xa o fixera o bravú.
E así, chega, por fin, a xuntanza cos fundadores. Souto entra na vila coa banda sonora d’Os Rastreros para recordar aquel II Castañazo Rock no que se encontraran preto de unha ducia de bandas. Na porta do Caballero de Viana agarda Richi. Descargan do maleteiro os agasallos e entran no establecemento. Na miña butaca, agora, sinto unha emoción inmensa: vou ver como é por dentro aquela taberna tan especial. Antón dos Papaqueixos, Benxamín dos Impresentables de Vimianzo e Rafa d’O Caimán do Río Tea están listo para a celebración.
–

–
Comenta Richi que para fundar un movemento auténtico, cumpría xuntarse nun lugar auténtico. A taberna do sistema foi o lugar axeitado. E Souto salienta a importancia de que o bravú nacese na aldea, e non nunha asemblea universitaria en Compostela ou nunha gran cidade como Coruña ou Vigo. Benxamín recorda como chegaron a encher pavillóns. Pero o bravú é a antítese da morriña, é rebeldía, é abrir camiños diferentes. Toca brindar. Mandan uns viños e cantan. Fóra, móntase unha foliada. Que cancións soan? «Ghaiteiro» e «Estou na lavadora». Himnos bravús. Historia da música galega.
Para rematar, o propio bravú, mirando ao futuro, fala a través das verbas de Souto: xeracións futuras, saíde do rego! E unha voz en off lembra que ninguén pode parar a nosa historia. E agora eu respiro con dificultade na butaca. Puf… Vaia dous cañonazos para despedirmos da proxección mentres o conserxe da sala acende as luces. Dan ganas de aplaudir, dan ganas de berrar. Por vergoña non o fago mais que por dentro: medre o bravú!
E claro, chego a casa e non podo evitar escribir esta reseña…
–
–

–
«Bravú XXX» estreouse na última semana de outubro, como non, en Chantada. E durante o mes de novembro vai ser proxectado en diferentes concellos da provincia da Coruña grazas ao patrocinio da Deputación provincial. Pero tamén noutros moitos puntos da xeografía galega. Nalgúns casos, con festa garantizada, como no Culturgal de Pontevedra ou no Teatro Colón da Coruña. Permanecede atentos ás datas. Paga (moito) a pena.
–
–

O Bravú despertou os dun letargo, sacounos dun sono espeso, Monte Alto aprendimos a revivir o galego, a música, a Terra, o Povo qué pensamos que esquecera e non esqueceu, lembrouse da fala e da musica e do novo sen tirar co velho. Obrigado Bravú. #SempreEnBravú
Me gustaMe gusta