Unha estancia en Monforte de Lemos (Lugo). Rememorando a Pedro Fernández de Castro, político, mecenas e defensor de Galicia

Texto e fotografías: María Berini Pita da Veiga

Circunstancias da vida fixeron que o mes pasado ficaramos durante unha fin de semana no Parador de Monforte de Lemos (Lugo). Sabedes que calquera viaxe, por curta que sexa, nun lugar diferente á casa, é para min pretexto de aprendizaxe e posterior divulgación neste blog. Pois esta visita express á capital da Terra de Lemos levoume ata a figura do VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Boto as mans a cabeza por non tela descuberto ata agora. Político de primeira orde, mecenas dos máis grandes artistas do Século de Ouro, defensor dos dereitos históricos galegos fronte a Coroa… Don Pedro é, sen dúbida, unhas das grandes personaxes da historia de Galicia, un galego sobranceiro que merece o máximo recoñecemento dos nosos, e, por suposto, unhas esmeradas liñas nesta páxina web.

A través da bibliografía consultada na listaxe que figura ao final desta publicación e, logo de visitar os espazos da vila monfortina vencellados á vida do conde, ofrezo aos lectores esta apaixonada viaxe pola historia, escrita en lingua galega, por estaren a falar de tan relevante figura da nosa terra.

Torre da homenaxe en Monforte ao caer a noite

UN PERCORRIDO POLA VIDA DO VII CONDE DE LEMOS

Non hai dúbida de que don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos á morte do seu pai, foi un aristócrata de vello sangue galego, e que sempre sentiuse como tal. Sen embargo, o lugar do seu nacemento é controvertido. Algúns autores sinalan que Madrid, sede da corte no seu tempo, foi a cidade que o veu nacer, mentres que outros apuntan a que tal feito tivo lugar en Monforte, a vila vinculada á casa condal. En calquera caso, o primoxénito e herdeiro chega a este mundo no ano 1576.

Desde moi novo, don Pedro da boa mostra da súa intelixencia e dunha especial sensibilidade polas artes. A súa educación estivo dirixida por unha figura relevante na familia, o xesuíta Rodrigo de Castro –fundador do Colexio de Nosa Señora da Antigua, parada obrigada en calquera visita a Monforte–. Pasada unha primeira etapa formativa en Galicia, o noso protagonista completa os seus estudos na Universidade de Salamanca, importante polo cultura e artístico naqueles tempos.

Colexio de Nosa Señora da Antigua en Monforte, fundado polo tío cardeal de don Pedro

Don Pedro instálase no Madrid da corte no ano 1598, mostrando, a pesaren da súa corta idade, o seu potencial aos ollos do rei e o seu séquito. Son tempos do reinado de Felipe III, monarca máis ocupado nos praceres da vida ociosa que no goberno do Imperio español, en contraposición o que fora seu pai, Felipe II, un home entregado en corpo e alma as tarefas políticas. O noso protagonista vive na capital do imperio, Madrid, onde residen gran cantidade de artistas, cos que don Pedro trata, como Lope de Vega, quen entra a traballar moi novo como secretario do futuro conde. Exquisitas festas, representacións teatrais, improvisacións poéticas ou coloquios son citas habituais na axenda de don Pedro. Durante a súa estancia en Madrid casa con Catarina, filla favorita do duque de Lerma, o valido do rei, quen é a figura máis poderosa na España daquel tempo. Dita circunstancia, unida á incuestionable valía de don Pedro, favoreceu os ascensos da súa carreira política.

Escultura en lembranza ao VII Conde de Lemos no PArque dos Condes (Monforte)

Tres momentos, vencellados a tres cargos de máximo nivel, configuran a biografía do VII Conde de Lemos como político na España dos Austrias.

  1. O primeiro deles é o de Presidente do Consello das Indias, unha institución relevantísima na coroa española. Neste organismo tomábanse decisións tan importantes como a designación de cargos, a administración da Casa de Contratación de Sevilla e mais tódolos asuntos fiscais, relixiosos e administrativos dos territorios de ultramar. Don Pedro recolle a testemuña do seu predecesor no ano 1603, nun contexto no que o Consello de Indias necesitaba de grandes reformas para un funcionamento honrado e responsable. Así o fará don Pedro, sendo os puntos mais salientables do seu goberno a recompilación das leis de Indias e a preocupación pola liberdade dos indios. Manterase no cargo ata o ano 1610.
  2. Un segundo momento na carreira do Conde de Lemos comeza no ano 1610 cando é nomeado vicerrei de Nápoles. Durante o tempo que reside neste rico territorio do imperio –seis anos– don Pedro non só toma decisións de gran afondamento para as arcas españolas e para o goberno de Nápoles, senón que vive rodeado dunha camareta de artistas que dan pulo á vida cultural do vicerreinado. Nestes anos, o matrimonio formado por don Pedro e dona Catarina engrosa a súa colección artística con importantes pezas de arte italiana, hoxe expostas no Convento das clarisas de Monforte –logo veremos o porqué–.
  3. Don Pedro regresa a Madrid no ano 1616, para ocupar o cargo de presidente do Consello de Italia, o terceiro momento da súa carreira política. A súa situación na corte corre cada vez máis perigo, paralelamente á caída en desgraza do seu sogro, o duque de Lerma, como diciamos valido do rei Felipe III. Logo de fortes intrigadas impulsadas polo seu cuñado e por Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares e futuro valido, consúmase á caída de Don Pedro no ano 1618. Pídelle licenza o rei para retirarse a terras monfortinas, e o monarca concédea nunha sorte de frío desterro.

Vestixios do antigo castelo en Monforte

Cómpre aclarar que, malia os múltiples cargos que desempeñaran lonxe de terras galegas, don Pedro e a súa muller pasaron temporadas regulares en Monforte, xa que o conde nunca quixo desvincularse da súa terra. Estes tempos de estadía na casa condal, situada no monte de San Vicente, coincidiron con períodos de achaques e enfermidades, posto que don Pedro mostrou desde moi novo delicada saúde. Cando as intrigas poñen fin a súa carreira política, don Pedro e dona Catarina fixan a súa residencia en Monforte durante os catro anos que lle restan de vida o conde. Na vila o matrimonio non cesa a súa actividade de mecenado e filantropía. Dona Catarina, quen non puidera ter fillos, centra a súa vida no impulso dun novo convento en Monforte, o futuro Convento de Santa Clara. O motivo desta fundación foi o seguinte: a relixiosa sor Anastasia da Encarnación referiu ter tido unha revelación, na que o feito de que Catarina non puidera ter descendencia veríase compensado cunha extensa prole de fillos espirituais. Por iso, no seu empeño en levantar casa para as clarisas en terras monfortinas, a muller do conde realizou importantes doazóns, non só de fondos senón tamén de reliquias e pezas de arte italiana as que fixen referencia anteriormente. A escritura fundacional data do ano 1622. Do mesmo xeito, o conde impulsou a fundación do cenobio de San Xacinto na mesma vila. O padroado de ambos conventos recaeu nas mans do matrimonio, verdadeiro benfeitores destas congregacións.

Aspecto actual do antigo Palacio Condal

Pouco durarán estes anos de quedo desterro en Monforte. Durante unha viaxe á capital para visitar a súa nai, a viúva do VI Conde de Lemos, a fráxil saúde de don Pedro vese resentida. Logo dun tempo de convalecencia, o conde falece en Madrid un 19 de outubro do ano 1622, sendo enterrado no Convento das Descalzas Reais, con grandes fastos e asistencia, o que da mostra da admiración que espertou en vida don Pedro Fernández de Castro.

Nos seguintes anos, a viúva dona Catarina permanece na capital o cargo dos seus sobriños, fillos do novo conde, irmán de don Pedro, posto que quedan sen nai sendo moi novos. Máis poucos anos despois, dona Catarina volta a Monforte, e con ela os restos de don Pedro, finalmente enterrado no convento das Clarisas fundado pola súa muller. O forte achegamento de dona Catarina á vida das monxas consúmase cunha toma de hábitos por parte da condesa entre os anos 1633 e 1634, co nome de sor Catarina da Concepción. Dentro dos muros deste templo espiritual discorren os últimos anos de vida de dona Catarina. Morre no ano 1648, poñendo fin a esta viaxe na historia, a esta achega á figura dun matrimonio tan relevante, como xa insistiramos ao comezo da entrada, para a Galicia moderna.

Convento das clarisas de Monforte, sede do actual Museo de Arte Sacra

O ARISTÓCRATA MECENAS E DEFENSOR DE GALICIA

Os diferentes cargos ocupados polo VII Conde de Lemos son máis que suficientes para non atreverse a cuestionar a súa relevancia na historia. Mais cómpre abrir un capítulo máis nesta homenaxe porque don Pedro foi, ademais de político, un relevantísimo mecenas de artistas do Século de Ouro como Cervantes, Lope de Vega, Góngora ou Quevedo. Home culto e inclinado desde a infancia cara as letras, o Conde de Lemos foi tamén autor de pezas de comedia, versos e estudos, a meirande parte deles perdidos no incendio do Palacio condal referido anteriormente. Máis a súa maior achega ao mundo das artes foi en clave de mecenado. Esquemáticamente vou referir as súas relacións cos principais autores do Século de Ouro:

  • LUIS DE GÓNGORA. O poeta cordobés buscou amparo no conde co fin de facer carreira na corte. Grazas a influencia de don Pedro, Góngora acadou a capelanía de honor de rei. Mantiveron trato e mesmo tiveron un encontro en Monforte no ano 1609, froito do cal Góngora escribiu un poema honorífico. Aspirou a acompañar a don Pedro na súa estadía en Nápoles, máis foi rexeitado, deixando a súa pena escrita nun soneto. A boa relación continuou ata a morte do conde.

«Llegué a este Monte-fuerte, coronado / de torres convecinas a los cielos, /cuna siempre real de tus abuelos, / del reino escudo y silla de tu estado, / (…)»

Al conde de Lemos desde Monforte. LUIS DE GÓNGORA, 1609

  • LOPE DE VEGA. Como xa referimos, Lope foi secretario de don Pedro a súa chegada a Madrid logo de rematar estudos na Universidade de Salamanca. Grazas ao escritor, o noso protagonista introdúcese nos ambientes literarios da capital. O conde protexerá sempre a Lope a mostra do bo trato e a confianza entre ambos son as epístolas conservadas. En numerosas obras o escritor fai referencia a don Pedro.

«Ser Castro en sangre / y en Galicia si no es / lo más, es lo más grande /(…) / un Pedro generoso, honor y gloria / un Castro de Lemos y del Sil gallego.»

El mejor alcalde. LOPE DE VEGA, 1635

  • FRANCISCO DE QUEVEDO. Habitual nos faladoiros organizados polo conde na capital, a boa relación entre ambos queda demostrada nas diversas dedicatorias que lle fai nas súas obras, representando sempre a don Pedro como paradigma do bo mecenas.

«Viva vuestra Excelencia para hora de nuestra edad»

Sueño del juicio final. FRANCISCO DE QUEVEDO, 1607

  • MIGUEL DE CERVANTES. Sen a axuda do conde de Lemos, o noso escritor máis universal non tivera publicado moitas das súas obras. Falar do mecenado de don Pedro é falar de Cervantes. A diferencia doutros autores como Lope de Vega, Cervantes pasou momentos de dificultades económicas e só o final da súa vida desfrutou de certa estabilidade. Aínda que non se conserva moita documentación que probe a relación entre ambos, queda claro que foi estreita polas dedicatorias que don Miguel refire ao conde, como a da segunda parte do Quixote ou as «Novelas Ejemplares».

«Es el conde de Lemos que dilata / su fama con sus obras por el mundo / y que lleguen al cielo en tierra trata.»

Viaje del Parnaso. MIGUEL DE CERVANTES, 1614

Non me quedo curta cando digo que don Pedro foi un galego sobranceiro. Durante toda a súa carreira política loitou polo dereito de Galicia a ter representación nas Cortes, agravio que a nosa terra arrastraba desde moitos anos. Nos seus anos de desterro en Monforte, a loita fíxose máis grave aínda. Resultado desta defensa dos dereitos históricos de Galicia foi a publicación da obra satírica «El búho gallego». Nela, os diferentes territorios peninsulares aparecen representados por distintas especies de paxaros, que veñen de reunirse nunha asemblea presidida por un aguia real, metáfora das Cortes españolas do seu tempo. Os galegos están encabezados por un moucho, que loita polos dereitos da terra fronte os demais paxaros, cun discurso burlesco e moi agudo, que remata en triunfo.

Antigo mosteiro de San Vicente do Pino, hoxe Parador Nacional

PARADAS IMPRESCINDIBLES NO MONFORTE DO CONDE

Para evocar a figura do VII Conde de Lemos, as paradas fundamentais na vila de Monforte son:

Conxunto monumental do monte San Vicente. No alto da vila, con impresionante vistas á terra de Lemos, sitúanse tres importantes monumentos. O mosteiro bieito de San Vicente do Pino –hoxe Parador Nacional–, a vella torre da homenaxe do Castelo –séculos XIII-XV– e o antigo Palacio Condal –hoxe fortemente modificados por mor dun incendio no século XVII–.

Convento de Santa Clara de Monforte. Neste último, no ano 1977, inaugurouse un museo de Arte Sacra dos máis relevantes de España. Mágoa que un, contengo o exabrupto, sistema de visitas, restrinxido e con reserva telefónica, impediume desfrutar da colección cando estaba plantada na porta. Na mostra destacan pezas como un Cristo xacente de Gregorio Fernández. Non se sabe con certeza en que punto repousan os restos dos condes, xa que os frecuentes ataques e espolios fixeron que se agocharan nalgún espazo que hoxe descoñecemos.

Colexio de Nosa señora da Antigua. Foi fundado no século XVI polo mentor do conde de Lemos, o cardeal xesuíta Rodrigo de Castro. Coñecido como «o Escorial galego» é unha impresionante mostra do renacemento, hoxe ocupada por un centro escolar dos Escolapios.

Ponte antiga. De suposta orixe romana, o aspecto actual data do século XVI, constando de de seis arcos que atravesan o río Cabe.

Escultura homenaxe o conde nos xardíns que levan o seu nome.

Ponte antiga sobre o río Cabe

BIBLIOGRAFÍA

  • ENCISO ALONSO-MUÑUMER, I. (2008). Nobleza y mecenazgo en la época de Cervantes. Anales cervantinos, tomo 40, pp. 47-61
  • GARCÍA LUACES, P. (2015). El mecenas del Siglo de Oro. Historia y vida, n.º 571, pp. 52-59
  • MARTÍNEZ GARCÍA, M. (2005). Pedro Fernández de Castro, o Gran Conde de Lemos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  • PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, E., RODRÍGUEZ SUÁREZ, M. P. y BARRAL RIVADULLA, M. D. (1997). Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  • REAL ACADEMIA DE LA HISTORIA (s. f.). Pedro Fernández de Castro. Diccionario Biográfico [https://dbe.rah.es/biografias/9379/pedro-fernandez-de-castro]
  • SÁEZ GONZÁLEZ, M. (2018). El VII conde de Lemos transmisor del arte italiano en Galicia. Scripta artium in honorem prof. José Manuel Cruz Valdovinos, vol. 1, pp. 740-749
  • SÁEZ GONZÁLEZ, M. (2015). Protocolos y ceremoniales de la casa del Gran Conde de Lemos. Diversarum rerum: revista de los Archivos Catedralicio y Diocesano de Ourense, n.º 10, pp. 237-258

Retratos do VII Conde de Lemos e da súa muller, dona Catalina *Fonte: Museo de Arte Sacra

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s