Mis 5 libros imprescindibles de la cultura gallega

Texto: María Berini Pita da Veiga

Fotografías escenarios: María Berini Pita da Veiga; fotografías libros: editoriais

05032019-ESCULTURA 2

Escultura homenaxe a Cunqueiro en Mondoñedo (Lugo)

É unha constante neste blog que as entradas sexan froito dunha idea que chega a miña cabeza por casualidade. Teño moitos amigos que non son galegos, e esta circunstancia fai que en calquera momento me vexa na situación de ter que recomendar obras sobre a nosa terra. Algo semellante aconteceu nestes días, e froito desas reflexións sobre cales son os mellores libros para aproximarse á cultura galega, vinme sentada fronte o ordenador escribindo estas liñas.

As listaxes de imprescindibles hai que tomalas como o que son: unha selección filla da ideoloxía e dos gustos da persoa que a subscribe. Eu non nego tal cousa e ofrezo ao lector unha numeración de libros imprescindibles segundo o meu criterio. Moitos botarán as mans a cabeza por non incluír aquel título e o de máis aló, mais estarán comigo en que a calidade das obras desta listaxe é máxima.

Velaí van os meus títulos básicos, pertencentes a todos os estilos e xéneros. Se queres facerte con algún deles, MERCA NAS LIBRERÍAS LOCAIS!

ANTOLOXIA LIRICA

«Antoloxía da poesía galaico-portuguesa» VVAA

Houbo un tempo, alá polo medievo, en que a lingua galega e a portuguesa conformaban un único idioma: a lingua galaico-portuguesa. Vicisitudes históricas (a independencia do reino de Portugal) ou xeográficas (a fronteira natural do río Miño e os montes ourensáns) fixeron que ámbalas dúas tomara camiños separados e destinos ben diferentes.

Queda daqueles tempos un legado marabilloso: a lírica medieval, poesía fresca, ardente e culta ao mesmo tempo, saída das mans de reis hispanos como Afonso X “O sabio” e Dionisio I (Don Dinis) ou trobadores da altura de Martín Codax, Maçias “O Namorado” ou Airas Nunes.

Desde o meu punto de vista, mercar unha antoloxía da poesía galega medieval é comezar, valga a redundancia, polo principio, pola orixe, tomando a raíz da literatura galaica como base do noso coñecemento sobre Galicia.

Enlace á obra na editorial Xerais: https://www.xerais.gal/libro.php?id=146836#

Ondas do mar de Vigo,

se vistes meu amigo?

E ai Deus, se verra cedo! (…)

Martín Codax (século XIII)

Cativo da minna tristura,

ja todos prenden espanto

e preguntan que ventura

foi que me tormenta tanto; (…)

Maçías “O namorado” (século XIV)

A ESMORGA

«A esmorga» de Eduardo Blanco Amor

Publicada a finais da década dos 50, esta novela firmada polo escritor ourensán Eduardo Blanco Amor supuxo un punto e aparte na literatura galega. Innovación e traxedia poderían ser os adxectivos que mellor a describen. As andanzas de tres homes que saen de esmorga (de festa ou de troula, que diriamos; de parranda en lingua española) na cidade de Auria (denominación literaria de Ourense capital) son transmitidas ao lector grazas á mestura de diferentes voces narrativas. A obra preséntanos tamén personaxes de distintas capas da sociedade ourensá, alternando espazos significativos da cidade termal, dando forma a nunha narración que atrapa ao lector desde o primeiro minuto. O resultado é unha novela moderna a cal, sen dúbida, abriu camiño na nosas letras cara unha literatura contemporánea.

Este ano a editorial Galaxia lanza unha edición ilustrada, conmemorativa polo 50 aniversario da obra. Enlace á reseña: http://editorialgalaxia.gal/editorial-galaxia-celebra-o-50-aniversario-da-publicacion-da-primeira-edicion-de-esmorga-no-seu-catalogo-cunha-edicion-conmemorativa/

«Cando eu era aínda moi rapaz, seguíase a falar do caso entre as boas xentes de Auria, cibdá onde nascín e onde as cousas ocurriran»

[…]

«Cando paramos de correr, aló pola praza do Correxidor, ouvíronse no reló da catedral as badaladas de meia noite»

Eduardo Blanco Amor. A Esmorga (1959)

CUNQUEIRO

Triloxía de relatos «Escola de menciñeiros», «Xente de aquí e de acolá» e «Os outros feirantes» de Álvaro Cunqueiro

Escritos ao longo de case dúas décadas, o xenial Álvaro Cunqueiro, un dos máis grandes escritores da nosa lingua, firma estes tres libros de relatos ofrecéndonos a mellor representación do ser galego. Como quen garda en pequenos frascos fórmulas maxistrais concentradas, cada un dos relatos que conforman estas obras atesouran un trazo do carácter das xentes da Galicia. Cada narración preséntanos unha personaxe, real e ficticia ao mesmo tempo, pois así é a maxia da pluma cunqueiriana, e, en tan só dúas ou tres páxinas, testemuñas da vida do protagonista, entendemos como pensan e senten os nosos paisanos. Hoxe en día estas tres obras son, se cadra, máis relevantes que nunca, pois nestes tempos de globalización a identidade dos pobos dilúese en favor de formas e pensamentos homoxeneizados. Grazas o legado do escritor lucense a idonsincrasia galega perdurará no tempo agochada nas páxinas dos seus libros.

Enlace á obra de Cunqueiro na Editorial Galaxia: http://editorialgalaxia.gal/autor/alvaro-cunqueiro/

«Eu tiven un amigo, Secundino Prieto, que estaba doente dende facía varios anos, e non lle daban co quid da enfermedade. Secundino era intelixente, e moi lúcido analizador da súa condición de doente. Sentábase á porta da casa, cabo da figueira, contemplando o pequeño val e máis os montes veciños, e filosofaba.
─Pro, doiche algo?, perguntáballe eu.
─Non me doe nada, home! Pasa que estóu doente. Paréceche pouco?»

Álvaro Cunqueiro. «Secundino Prieto» en Xente de aquí e acolá (1971)

GUIA OTERO PEDRAYO

«Guía de Galicia» de Ramón Otero Pedrayo

O escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo é unha das figuras máis salientables da nosa cultura, e non só polas súas achegas literarias. Xeógrafo de profesión, adicou toda a súa vida ao estudo da nosa terra desde moitos puntos de vista. Na década dos anos 20 publicou a maxistral «Guía de Galicia», que é moito máis que un manual turístico: trátase dunha xigantesca mestura de coñecemento xeográfico, histórico, artístico e etnográfico máxime tendo en conta o momento no que foi desenvolvida a obra. Sabemos que o coñecemento avanza no tempo e moitas teses supéranse co paso dos anos, mais a «Guía de Galicia» de Otero Pedrayo é, desde o meu punto de vista, a primeira parada nunha eventual aventura de coñecer Galicia viaxando polos seus camiños.

“Paisajes de sierra, de montaña, de bocarribeira, de valle, de costa, combinan con diverso acento (…)”

Ramón Otero Pedrayo. «Guía de Galicia» (1926)

LEYENDAS LEANDRO CARRÉ

«Las leyendas tradicionales gallegas» de Leandro Carré Alvarellos

Introduzo outro título escrito en lingua española xa que, igual que acontece coa obra anterior, tan só está publicada neste idioma. Nesta entrada estamos a falar de cultura galega, e, por iso, non pode faltar, malia estar escrita noutra lingua, esta recompilación tan importante da tradición oral. Trátase dun conxunto de lendas de cabaleiros, relixiosas, históricas ou fantásticas, ambientadas en recunchos espallados por toda a nosa xeografía. Un compoñente tan destacado da nosa identidade como é a fantasía ou a superstición non pode faltar na miña listaxe de obras imprescindibles.

Enlace á ficha da obra na Editorial Austral: https://www.planetadelibros.com/libro-leyendas-tradicionales-gallegas/2307

«—¡Señora!—dijo su compañera—. Es muy tarde… Este frío puede hacerle daño […]

—¡Adiós por última vez!—exclamó al pasar ante el sepulcro […]

—¿Quién sería aquella señora? Sin duda la enamorada, la novia del general Sir John Moore»

Leandro Carré Alvarellos. «Las leyendas tradicionales gallegas» (1977)

Podería continuar esta listaxe, e se así fose, falaría de «Cantares gallegos» (1863) ou «Follas novas» (1880) da afamada escritora do Rexurdimento Rosalía de Castro.

Con que obra seguirías ti?

Deixo aberta a porta para seguir ampliando este artigo…

Deja un comentario